Na reunión, tanto a Asociación Amigos do Camiño do Mar como o Concello de Viveiro, manifestaron a súa vontade de seguir traballando e colaborando, como veñen facendo dende hai anos, para lograr a oficialización desta ruta xacobea.
Entre as cuestións tratadas, nesta reunión falouse da forma de articular as credenciais para selar a Compostela. Ademais, abordouse a maneira de implicar ás asociación Centro Comercial Histórico de Viveiro e Beiras de Viveiro, que xa amosaron o seu interese.
De feito, o goberno local ten previsto convocar unha reunión a tres bandas, entre a Asociación Amigos do Camiño do Mar; ás asociacións Centro Comercial Histórico de Viveiro e Beiras de Viveiro e o Concello de Viveiro, na que estarán presentes tanto a concelleira de Turismo como a alcaldesa de Viveiro.
Dende o goberno local fan fincapé en que o recoñecemento do Camiño do Mar por parte da Igrexa é un paso importantísimo e fundamental, o que suporá un feito de gran relevancia para Viveiro e os demais municipios da comarca e que repercutirá positivamente no sector do turismo e a hostalería.
“Tras esta boa noticia, tócanos continuar traballando para lograr a máxima implicación de todos os sectores na ruta e conseguir por fin a oficialización por parte da Xunta”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.