Viveiro, 23 de xuño de 2021. O Concello de Viveiro informa que, co obxectivo de cumprir coas competencias municipais no relativo ás praias, o goberno local ditou un bando recordando varias normas que afectan aos animais domésticos nestes espazos.
Concretamente, o artigo 113 da Lei de Costas, de 28 de xullo de 1988, que atribúe competencias municipais no dominio público marítimo terrestre estatal, concreta as seguintes en materia de praias.
Dunha banda, manter as praias e lugares públicos de baños nas debidas condicións de limpeza, hixiene e salubridade. Doutra banda, vixiar a observancia das normas e instrucións ditadas pola administración do Estado sobre salvamento e seguridade das vidas humanas.
Ao amparo da citada disposición e en aras dun mellor uso público das praias de Viveiro, e conforme ao establecido na Ordenanza Municipal de Policía e Bo Goberno, o goberno local ditou un bando facendo público o recordatorio das seguintes normas de xeral cumprimento para a cidadanía:
En primeiro lugar, prohíbese a estancia e/ou circulación de animais domésticos nas praias do termo municipal.
Doutra banda, os animais domésticos deben levarse polas vías públicas suxeitos mediante correa que permita o seu fácil control.
Por último, como norma básica de urbanidade, os donos de animais que circulen polas vías públicas, estarán obrigados a recoller as deposicións dos mesmos e depositalas en papeleiras ou contedores.
Dende o Concello de Viveiro, prégase a máxima colaboración cidadá no cumprimento destas normas.