Viveiro, 24 de xuño de 2021. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, convocou hoxe aos voceiros dos grupos políticos municipais para valorar os pasos a seguir despois de que a Xunta de Galicia inadmitise a solicitude presentada para a subvención do Fondo de Compensación Ambiental.
Nesta xuntanza explicouse que tras a inadmision había dúas posibles opcións. Por unha banda, solicitar a concesión dos fondos sobrantes pola inadmisión da solicitude presentada para esta subvención co fin de dedicalos a necesidades desta entidade local.Ou por outra banda, formular recurso de reposición contra a resolución de inadmisión da solicitude presentada por este concello.
“Como entendemos que a inadmisión da solicitude presentada polo concello deriva dunha cuestión interpretativa, nesta reunión, co consenso dos grupos PSdG-PSOE, Por Viveiro e concelleiros do BNG e Non Adscrito, acordouse interpoñer o recurso potestativo de reposición e defender a actuación do concello ata o final, incluída a vía xudicial”, explica María Loureiro.
A inadmisión desta subvención deriva dunha diferente interpretación na tramitación de sectoriais. O Concello interpretou que a tramitación con Augas de Galicia debía realizarse mediante declaración responsable, tal e como se viña facendo con outras obras de características similares; cando xa transcorreran os 15 días de surtir eficacia a declaración responsable, Augas de Galicia comunicou que a sectorial se debía tramitar como autorización e así se tramitou.
Isto motivou que dende a Xunta de Galicia se entendese que non se cumpriran os prazos, ao esixir a orde que as actuacións sectoriais debían estar tramitadas antes da finalización do prazo para a presentación de solicitudes.
O Concello de Viveiro entende que a inadmisión da solicitude presentada para a subvención do Fondo de Compensación Ambiental é unha “inxustiza” e, consecuentemente formulará o recurso de reposición.