Viveiro, 28 de xuño de 2021. O Concello de Viveiro quere trasladar a súa felicitación ao atleta viveirense Adrián Ben, quen vén de proclamarse campión de España Absoluto na proba de 800 metros, logrando así a clasificación para os Xogos Olímpicos deste verán en Xapón.
O deportista viveirense compite actualmente co club F.C. Barcelona e, este fin de semana, disputaba o Campionato de España de Atletismo Absoluto en Getafe. Cun tempo de 1:47.07, Ben era o líder da súa proba, o que lle outorgaba o pasaporte para Tokio. Esta será a primeira cita olímpica para este xoven atleta, pero que acumula xa participacións e éxitos noutras competicións internacionais de calibre.
“Grazas á dedicación dos nosos deportistas, Viveiro continúa coñecéndose máis alá das nosas fronteiras, demostrando o talento dos seus veciños e veciñas. De novo, parabéns Adrián polo duro esforzo e traballo”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.