Viveiro, 24 de xuño de 2021. O Concello de Viveiro informa que continúa a realizar xestións con respecto ao muelle de Viveiro, buscando a mellor opción para os veciños e veciñas de Viveiro.
Portos de Galicia ofrece a posibilidade de asinar un convenio temporal por un periodo de catro anos, cunha posible prórroga por outros catro anos. Neste acordo establécese que o concello debe asumir, entre outras obrigas, a responsabilidade de mantemento e conservación das instalacións e entregando o muelle no mesmo estado no que se atopa agora.
Evidentemente, o goberno local entende que esta zona ten que derivar no Concello de Viveiro. Porén, o estado actual da área, bastante deplorable, implicaría que a súa cesión debería realizarse tras o seu arranxo.
O Concello de Viveiro está realizando as tramitacións con Costas para levar a reversión do peirao a favor de Costas, propietaria desa zona, e realizar posteriormente unha posible desafectación ao concello para evitar, así, ter que asumir todos os gastos de arranxo previo e mantemento que pretende Portos de Galicia mediante a sinatura do convenio proposto.
Portos manifestou que non vai realizar ningún arranxo, porque se trata dun aparcamento gratuito e considera que as obras de arranxo previo e de mantemento corresponden ao concello. Polo tanto, o goberno local está tramitando con Costas a posible reversión do muelle de Viveiro, xa que se entende que non ten actividade portuaria e esta sería a única maneira de que este espazo se poida arranxar sen implicar un coste económico para o concello.
O Concello en ningún momento se nega a realizar as labores de mantemento, pero se entende que a cesión debe realizarse en bo estado.
Reunión do Concello de Viveiro coa Presidenta de Portos de Galicia
Hai quince días, representantes do goberno local desprazáronse a Santiago de Compostela para reunirse coa Presidenta de Portos de Galicia. Na xuntanza estiveron presentes a Alcaldesa de Viveiro, a Secretaria Municipal, o Arquitecto de Obras Municipais e o Director de Costas de Lugo.
Nesta reunión explicouselle á Presidenta de Portos, á quen se agredeceu a celeridade coa que sempre recibe ao concello, a intención do goberno local, unha cuestión que xa se lle comentara con anterioridade.
O Concello de Viveiro entende que a boa vontade entre as administracións é fundamental e así se lle transmitiu á responsable de Portos. O goberno local subliña que considera a súa proposta como a mellor opción, recalcando o bo facer e consenso habituais nas súas accións. Polo tanto, na reunión explicáronse os trámites actuais do Concello con Costas.
Esta é a razón pola que o Concello de Viveiro non ten asinado o convenio proposto por Portos de Galicia. Non se firmou nada porque aínda se están a realizar trámites con Costas. Doutra banda, segundo o asesoramento recibido polo Concello, aínda que a Presidenta de Portos afirme que a súa sinatura non inflúe, considérase que, dado o prazo de vixencia do convenio, podería dificultar a tramitación e por iso se está á espera, coas tramitacións pertinentes.
O goberno local entende que firmar agora o convenio proposto por Portos de Galicia pode ser máis perxudicial e supoñer unha incoherencia. Ademais, tendo en conta o estado no que se atopa e que neste momento Portos non ten intención de arranxalo, tampouco non dificulta nada.
Representantes de Portos comentaron ao goberno local a existencia de entes privados que querían xestionar ese espazo de forma privativa. Porén, o Concello de Viveiro entende que Portos non chegará a ese extremo, xa que sempre se mostrou colaborativo e dialogante co concello. A zona sempre foi gratuíta e enténdese que debe seguir sendo así.
Por parte do Concello de Viveiro continuarase a traballar como sempre con boa vontade. O goberno local está á disposición de Portos de Galicia, debendo facer constar que dende o cambio na súa presidencia as relacións son máis fluídas e eficaces, así como de calquera outro organismo que pida colaboración. Porén, o Concello de Viveiro recalca que é a súa obriga buscar e valorar cal é a mellor opción para os veciños e veciñas de Viveiro.