O rexedor anunciou que “no día de onte, o Concello de Ribadeo vendeu dous inmobles de propiedade municipal que tiña na rúa Vispo Veres, números 2 e 4. Estes inmobles foron inmatriculados polo Concello hai un tempo, logo dun proceso complexo de esixencia de rehabilitación aos posibles propietarios e estes, no seu momento, chegaron a manifestar formalmente ao Concello que non lograban acreditar a titularidade polo que se desentendían das súas responsabilidades”.
Suárez Barcia lembrou que “isto levou ao Concello a iniciar as oportunas tramitacións para lograr a inmatriculación, previas ás audiencias públicas para ver se alguén se acreditaba como propietario. Finalmente non foi así e o Concello puido rexistralo ao seu nome. Logo sucedéronse varias puxas públicas que foron quedando desertas, unha tras outra, a pesar de que entre unha e outra o prezo de saída ía baixando”.
O alcalde explicou que “finalmente, no día de onte, despois de ter todos os informes técnicos de Secretaría e de Intervención municipal favorables, procedeuse a efectuar a compravenda por un importe de 61.869 euros por ambos os dous inmobles. O Concello destinará estes recursos públicos a diferentes obras públicas, especialmente nas parroquias, que boa falta fai”.
Fernando Suárez subliñou que “con esta actuación conseguirase que dentro dun tempo, despois das licencias urbanísticas necesarias, se empecen a rehabilitar estas ruínas, que levan así varios decenios, contribuíndo a dar unha mellor imaxe como tamén a dar unha maior seguridade pública a esta parte do casco antigo da vila”.
O rexedor engadiu que “tamén, como resumo de todo isto, queda dicir que foi un proceso longo e complexo, que durou varios anos desde que o Concello iniciou as accións para lograr rehabilitar estas ruínas, e finalmente, con inmatriculación polo medio, conseguimos o obxectivo perseguido. Este sistema será aplicado noutras situacións similares tamén”.