Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo saca a licitación a construción do edificio multiusos de Cedofeita

Ribadeo, 19 de xuño de 2021. O Concello saca a licitación pública a construción do edificio multiusos de Cedofeita. O investimento ascenderá a 138.000 euros, dos que a Área de Cultura da Deputación de Lugo achegará 90.000 e o Concello aportará 49.000 euros.

O concelleira de Cultura, Pilar Otero, explicou que “no día de onte, 18 de xuño, saíron a licitación pública, a través dun procedemento aberto, as obras de construción do edificio multiusos de Cedofeita.

Todas as empresas interesadas na execución deste contrato teñen información á súa disposición na Plataforma de Contratos do Estado ou ben no Perfil do Contratante da páxina web municipal. As obras saen a licitación por un importe de 138.088 euros e un prazo de un ano de duración”.

A edil ribadense indicou que “a construción deste inmoble contempla a demolición das vellas escolas que se atopan actualmente nunha situación de ruína co perigo que isto supón para a veciñanza. O prazo de presentación de ofertas será de 20 días naturais a contar desde o día seguinte á publicación na plataforma de contratos”.

Otero Cabarcos subliñou que “esta importante actuación conta cunha notable axuda da Área de Cultura da Deputación de Lugo, a través dun convenio asinado polo cal esta entidade provincial se compromete a achegar a cantidade de 90.000 euros en dúas anualidades, sendo a contribución do Concello de  49.088 euros”.

Segundo a concelleira de Cultura “esta obra supón unha importante mellora nas condicións de espazo tanto para as actividades dos propios veciños e veciñas como para as propostas que partan do propio Concello (charlas, xuntanzas coa veciñanza, actividades culturais ou programas pensados especificamente para as persoas do rural de Ribadeo como é Aquí como de 20)”.

Exit mobile version