Foz, 24 de xuño de 2021. O Concello de Foz ultima o servizo de socorrismo nas praias, que comezará o día 1 de xullo, con doce socorristas titulados admitidos, incluído o xefe de salvamento.
O alcalde, Fran Cajoto, valora positivamente o interese pola convocatoria, pero lamenta a escaseza de socorristas titulados, o que dá como resultado que quedaron vacantes dúas prazas das catorce ofertadas. “Preocúpanos moito o servizo de salvamento e, dado que a Xunta de Galicia soamente financia 6 socorristas e non hai dispoñibles máis demandantes de emprego coa titulación de socorrista, creamos a figura de auxiliar de apoio. Desde mañá, venres 25, está aberta a convocatoria de 7 prazas de auxiliar de praias, que servirán de apoio aos socorristas titulados nas súas tarefas. Cremos que é un posto de traballo ao que poden optar moitas rapazas e rapaces novos, que lles guste o deporte e que queiran ter unha saída laboral durante o verán para obter uns ingresos fóra da tempada de estudos. Polo tanto animamos a todas e todos a presentarse”, comenta Fran Cajoto.
O rexedor municipal tamén recorda que está aberta a nova convocatoria para dúas prazas de auxiliar sanitario. “Requírense títulos de primeiros auxilios ou equivalentes. Buscamos o mellor dos servizos nas nosas praias”, rematou Cajoto.