Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo úrxelle á Deputación a limpeza e acondicionamento das vías da súa titularidade, invadidas pola maleza

Cervo, 24 de xuño de 2021. A edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, e a Tenente Alcalde, Dolores García Caramés, fixeron pública no día de hoxe a preocupación do Concello de Cervo polo estado no que se atopan todas as vías de titularidade provincial que transcorren polo noso termo municipal e cuxo mantemento corresponde á Deputación, “que a día de hoxe están totalmente invadidas pola maleza”.

As concelleiras explican que un verán máis, vimos de remitirlle unha solicitude por escrito ao organismo provincial urxíndolle que execute estes traballos “porque o estado destas vías, á marxe da mala imaxe que proxecta, supón un serio perigo para a seguridade dos peóns e do tráfico rodado”.

As vías de titularidade provincial que se atopan nun estado deficiente son:
Río Covo – Porto de San Cibrao LU-P-1501
Burela – Vilaestrofe – Ferreira LU-P-1502
Río Covo – Trasbar – Vilaestrofe LU-P-1503
Río Covo – Fábrica de Sargadelos LU-P-1504
Sargadelos – Vilaestrofe LU-P-1505
Cervo – Cuíña LU-P-1506
A Venta – Lieiro LU-P-1507
Figueirido – Paraño – Sargadelos LU-P-1508
Pedrouzos – Senra LU-P-1509
San Cibrao – A Marosa – Burela LU-P-1510

Desde o Concello de Cervo pídenlle pois, encarecidadamente, á Deputación Provincial que asuma a súa responsabilidade e que acondicione estas estradas con urxencia “porque o verán xa comezou oficialmente, e como saben, é nestas datas cando o fluxo de peóns e tamén de vehículos se ve notablemente incrementado, co correspondente risco que supón a falta de visibilidade e de espazos adecuadamente transitables que detectamos e identificamos en numerosos puntos destas estradas provinciais”.

Exit mobile version