Fernández Rico detallou que coa actualización aprobada hoxe as tarifas pasan de 2,39€ a 2,55€ animal e día, 16 céntimos máis. A revisión, argumentou, está fundamentada nunha motivación obxectiva e debidamente xustificada, que se centra en dous factores. Por un lado, a subida dos custos de alimentación dos animais, “a parte máis destacable, debido á tendencia á alza dos prezos nos últimos meses. Hai que ter en conta que, segundo se acredita, os custes de alimentación aumentaron en máis dun 25% en moitos dos produtos consumidos polos animais e que a alimentación supón o 50% do gasto total da anualidade 2020, unha cifra maior canto maior ocupación teña o centro. Neste momento máis de 2.000 novillas, o que representa o 85% da capacidade do Centro”, explicou o Deputado. O outro factor é o custe do persoal -salarios e Seguridade Social-, “que se ve incrementado polos cambios na normativa dende que se asinou o contrato no ano 2017”, sobre todo debido á subida do Salario Mínimo Interprofesional.
A revisión do prezo do Centro de Recría “está xustificada tecnicamente, e é razoable, tendo en conta que supón un incremento do 6,69%”, cando, como apuntou o Deputado, “os custos de alimentación subiron máis dun 25% en moitos dos produtos consumidos polos animais”.
Roberto Fernández Rico, quen precisou que de producirse unha baixada dos custes da alimentación dos animais volverase a revisar á baixa a tarifa, subliñou que o Centro de Recría Público da Deputación de Lugo “mantén tarifas altamente competitivas con respecto a centros privados, que teñen prezos medios de 3€ animal/día incluíndo o transporte, ademais das múltiples vantaxes en termos de calidade e benestar que ofrece ós gandeiros e gandeiras da nosa provincia”.
“Respondemos á súa demanda dándolles este servizo preto da casa, onde poden levar un control directo de todas as fases do proceso, e non como facían antes da apertura do Centro de Recría provincial, que tiñan que enviar os seus animais a outros centros a máis de 700 quilómetros de distancia onde non vían como era a recría e pagaban altos custes engadidos polo desprazamento”, asegurou o Deputado.
O Centro de Recría Gayoso Castro inclúe o transporte incluído para retirar e entregar de novo os animais e coa seguridade que marcan os protocolos de actuación nunhas instalacións que velan polo coidado, o benestar animal e a seguridade alimentaria.
Un servizo público
“Este servizos público é útil e vantaxoso para o noso sector primario, prestando un servizo necesario, cubríndolle unha necesidade coma esta con redución de custes para que as explotacións sexan máis eficientes e competitivas”, recalcou o Deputado de Recursos Sostibles no Pleno. “Os propios gandeiros que teñen os seus animais nestas instalacións entenden a actualización das tarifas porque seguimos sendo mantendo a diferenza cos centros privados”, afirmou.
O Deputado de Recursos Sostibles incidiu no “funcionamento modélico do Centro de Recría Público da Deputación de Lugo. Presta un servizo indispensable para as explotacións gandeiras desta provincia e o seu correcto funcionamento déixase notar no benestar dos animais, nun estrito control sanitario, no control reprodutivo e xenético dos mesmos e en conclusión, nunha mellora da competitividade e da calidade produtiva das explotacións lácteas da provincia”.