Viveiro, 15 de xuño de 2021. O Concello de Viveiro traslada a súa felicitación á Asociación Amigos do Camiño do Mar, tras facerse público que a Igrexa recoñece o Camiño do Mar pola costa e que dará a compostela aos peregrinos que realicen esta ruta de peregrinaxe.
O agradecemento do Concello de Viveiro trasládase ademais ao presidente da asociación, Manuel Vicente González, por todos os anos de traballo, de investigación e recompilación de documentación referente ao Camiño do Mar para conseguir a oficialización desta ruta.
“Este recoñecemento por parte da Igrexa é un primeiro paso moi importante, polo que entendemos que agora a Xunta debe axilizar a súa tramitación para oficializar por fin o Camiño do Mar”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
Asemade, o goberno local espera que os tempos aplicados por parte da Xunta de Galicia a este trámite sexan iguais que noutros casos. Respecto diso, o Concello de Viveiro recorda que o Camiño de Inverno xa conta coa aprobación da Xunta de Galicia, mentres que o Camiño do Mar segue esperando.
Neste momento, o Concello de Viveiro atópase á espera de ser recibido polo director Xeral de Patrimonio Cultural ou co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade coa finalidade de apoiar e impulsar esa oficialización e de coñecer, asemade, o estado no que se atopa a súa tramitación.
“Continuaremos traballando, como levamos varios anos facendo, para difundir e promover esta ruta de peregrinaxe, cuxa oficialización sería un impulso para o noso municipio dende o punto de vista cultural, turístico e económico”, engade a alcaldesa.
O executivo local fai fincapé ademais na especial relevancia máis significativa, se cabe, nestes tempos nos que a hostalaría e o turismo se viron especialmente afectados polas consecuencias da pandemia.