Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS luciu a cuarta Liga no Pazo de San Marcos

Lugo, 17 de xuño de 2021. O deputado de Deportes, Efrén Castro, e a vicepresidenta Maite Ferreiro recibiron no Pazo de San Marcos ao Pescados Rubén Burela FS, que o domingo logrou o seu cuarto título de Liga de Primeira División Feminina.

No acto, coa presenza das xogadoras, do corpo técnico, do presidente do club Manuel Blanco e da vicepresidenta Cesarina Fanego, proxectouse vídeo promocional que as xogadoras laranxas gravaron o pasado 2 de xuño na Muralla de Lugo, unha acción na que prestaron a súa imaxe á proxección do deporte lucense e do monumento máis emblemático da cidade de Lugo.

O deputado de Deportes agradeceu ao equipo laranxa “que nos deixedes formar parte deste proxecto que está facendo historia a nivel deportivo, converténdose nun referente europeo e mundial, pero tamén social, contribuíndo a visibilizar e poñer o foco no deporte feminino. Desde a Vicepresidencia queremos poñer o noso pequeno gran da area para reclamar a atención e o apoio que sobradamente gañades na cancha”.

O acto tamén serviu para que as xogadoras expuxeran a súa valoración da traxectoria do equipo, con 9 títulos consecutivos desde 2019. Patricia González Mota “Peque” reivindicou o traballo do equipo, “que leva 700 días gañando todos os títulos” e reclamou a atención das “institucións deportivas para que o fútbol sala feminino conte cunha competición europea”. “As nosas horas de traballo son as mesmas que as dos equipos masculinos pero non recibimos o mesmo tratamento, e iso dóenos”, lamentou a fubolista laranxa, nomeada segunda mellor xogadora do mundo de fútbol sala feminino.

As xogadoras laranxas, acompañadas polos representantes do goberno provincial, luciron a copa da Liga no balcón do Pazo de San Marcos e fixeron a foto de familia na praza, tras do lema “Non é gañar, é facer historia”.

Exit mobile version