Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG volveu acadar a unanimidade do Pleno da Deputación para solicitar a intervención de Alcoa San Cibrao

Lugo, 29 de xuño de 2021. O BNG volveu demandar no Pleno provincial a intervención de Alcoa San Cibrao, cunha moción que recolle a proposta que o comité de empresa trasladou a todos os grupos provinciais e que levou tamén, nas últimas semanas, aos plenos muncipais dos concellos da Mariña.

A proposta, que tivo o respaldo unánime da corporación provincial, pide que “a Deputación de Lugo esixa ao Ministerio de Industria e á SEPI a intervención da fábrica de aluminio de San Cibrao nun acto único que levaría á compra e venda da factoría”, cumprindo “o mandato do Congreso dos Deputados e o Parlamento de Galiza, que aprobaron no seu día a intervención pública temporal para a posterior venda a un terceiro”.

O voceiro do BNG, Efrén Castro, explicou que “a proposta pretende redobrar a presión institucional e manter a atención sobre Alcoa San Cibrao”, para esixir unha resposta ante “a presión, medo e incertidume no que viven os traballadores e traballadoras da factoría despois de moitos meses agardando unha solución”.

A proposta chega ao Pleno provincial despois de que, o pasado 17 de xuño, a SEPI comunicara aos traballadores a súa renuncia a comprar a planta de Alcoa, como se comprotera desde o goberno do Estado, e un día antes dunha nova reunión da mesa multilateral, convocada para mañá mércores.

O deputado nacionalista argumentou que “a intervención está máis que xustificada, polo diñeiro público que se leva investido na factoría e porque é a única solución para salvar a produción de aluminio e os postos de traballo” e instou a socialistas e populares, “ao mando dos gobernos”, a que refrenden a súa votación a favor “intervindo a fábrica, para dar futuro as familias que viven da factoría e á comarca da Mariña”.

Neste contexto, aludiu tamén á reclamación dun tarifa eléctrica galega que permita a Galiza facer valer a súa condición de país produtor de enerxía en favor do seu desenvolvemento industrial.
Efrén Castro despediu aos representantes dos traballadores que se achegaron ao Pazo de San Marcos para visibilizar a súa demanda e que seguiron o debate da moción no Salón de Actos.

Exit mobile version