Lugo, 17 de xuño de 2021. O BNG levará ao vindeiro pleno a proposta que o comité de empresa de Alcoa San Cibrao trasladou aos grupos políticos provinciais para esixir ao Estado a intervención da fábrica de aluminio.
O voceiro nacionalista Efrén Castro explicou que “levaremos ao pleno a demanda que nos trasladaron desde o comité de empresa, e que nas últimas xornadas están trasladando aos plenos municipais dos concellos da Mariña. As últimas noticias sobre o proceso de venda da fábrica, coa negativo do goberno a intervir directamente, esixen aumentar a presión social e política. Despois de meses de incerteza e sen avances, este paso atrás é inadmisible”
A moción recolle a literalidade da proposta que o Comité de Empresa fixo chegar aos grupos provinciais, “esixir ao Ministerio de Industria e á SEPI a intervención da fábrica de aluminio de San Cibrao nun acto único que levaría á compra e venda da factoría”, cumprindo “o mandato do Congreso dos Deputados e o Parlamento de Galiza, no que ambos aprobaron no seu día a intervención pública temporal para a posterior venda a un terceiro”.