Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclama ao Goberno do Estado e a ADIF a limpeza das vías ferroviarias de Foz

Madrid, 26 de xuño de 2021. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita a comarca da Mariña e reclama que ADIF, dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, proceda a limpar as faixas que rodean os case 15 km de vías, así como as plataformas e apeadeiros existentes no concello de Foz. Así mesmo, a organización nacionalista estende a necesidade ao resto de vías galegas ante a chegada do verán e o aumento do risco de incendios que fai máis urxente a actuación para a limpeza das zonas.

No que ten haber co mantemento das vías férreas é imprescindíbel que o responsábel do seu mantemento acometa as obras de limpeza e roza. Neste caso, tanto “o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana como ADIF teñen que facerse cargo” de limpar os preto de 15 km de vía que discorren polo Concello de Foz.

“Para o adecuado mantemento das vías férreas e as súas zonas contiguas é necesario desenvolver plans de limpeza que servirán ademais como plans de prevención de incendios” explica o deputado do BNG. Estas actuacións de silvicultura preventiva “deben incluír apeos, rozas e podas que servirán para dificultar o inicio e a propagación do lume mediante a redución ou eliminación da carga de combustíbeis vexetais e a creación de descontinuidades nas zonas vexetativas”.

O Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os incendios, aprobado polo Concello de Foz o pasado mes de marzo, estabelece as normas para a xestión da biomasa. Así, a veciñanza está obrigada a manter as súas propiedades nas condicións adecuadas para evitar riscos de incendios e evitar a súa rápida propagación. Con máis razón “os organismos e entes públicos deben cumprir co seu deber e manter en bo estado e adecuadamente rozados e limpos os espazos que lle corresponden” subliña Rego.

Así mesmo o deputado nacionalista considera necesario estender esta reivindicación a todas as estacións e vías da Galiza, e urxe estabelecer un calendario de execución que marque a limpeza periódica. Rego lembra que, en 2007, a Fiscalía Provincial de Ourense imputou a catro cargos de ADIF como responsábeis dun incendio acaecido en Punxín o ano anterior, “por entender que desde o ente público se incumprira a súa obriga de manter limpa a zona paralela á vía do tren onde se iniciou aquel foco”. “O grave estado de abandono que pode verse nas vías e apeadeiros de Foz é algo común a todo o País. Co comezo do verán, o risco de incendio increméntase, e debe facerse todo o posíbel por previlos. Neste caso é ADIF e o MITMA os que deben manter as vías e as súas zonas de afección limpas de maleza” engade finalmente Rego.

Exit mobile version