Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG lanza a ‘Mesa polas Infraestruturas da Mariña’

Madrid, 4 de xuño de 2021. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o deputado no Parlamento de Galiza, Daniel Castro, mantén a primeira reunión co tecido socioeconómico da comarca para impulsar a Mesa de Infraestruturas para A Mariña. A formación nacionalista destaca a necesidade de executar e rematar todas as obras pendentes comprometidas co norte de Lugo para o desenvolvemento socioeconómico da comarca e salvar o futuro da Mariña.

Os deputados, acompañados pola alcaldesa de Barreiros e responsábel comarcal do BNG, Ana Ermida, constitúen a mesa de traballo polas infraestruturas da Mariña en que participa o tecido socioeconómico da comarca. CEL, TRADIME, PRADITRANS, asociación de maderistas, asociación de transportistas, ADEXMAR, APEHL, representantes das principais empresas de autocares da comarca, CCOO, CIG e UXT participan desta xornada de traballo en que trasladan tamén as necesidades do territorio.

“As infraestruturas son un elemento fundamental para o desenvolvemento socioeconómico de calquera territorio. Neste caso, para A Mariña, que ten enormes potencialidades, arrastra unha discriminación histórica en materia de infraestruturas con obras pendentes” enfatiza o deputado no Congreso. Exemplifica este agravio coa A-74 que carece de partidas específicas nos Orzamentos Xerais do Estado e mesmo o goberno PSOE-UP rexeitou as emendas presentadas polo BNG. “Tiveron a actitude de rexeitar todas as emendas que presentamos nos OXE, mesmo as presentadas para o primmeiro tramo San Cibrao-Burela ou emendas menores para o tramo Foz-Burela, Foz-O Carme e O Carme-Barreiros” subliña Rego.

Así mesmo, o deputado nacionalista destaca o compromiso da formación nacionalista coa modernización da vía ferroviaria e a mellora da liña de ancho métrico entre Ferrol e Ribadeo. “Esta liña artella o norte do país e ten enormes potencialidades tanto para o transportes de mercadorías como para os usuarios e usuarias” afirma Néstor durante a súa intervención na mesa de traballo.

“O BNG comparte as reivindicacións da sociedade mariñá sobre todo nuns momentos tan difíciles coma este para a comarca” reivindica o deputado nacionalista. Lembra que a formación nacionalista xa ten presentadas iniciativas no Congreso para a liberación do dique norte de Morás e a creación dunha Autoridade Portuaria en San Cibrao que xeraría “maior dinamismo económico para a comarca sen que a súa creación provocase un gasto económico para a Administración”.

O futuro da Mariña non pasa por os macroproxectos eólicos
Por outra banda, o deputado nacionalista alerta dos megaparques eólicos proxectados xa que “non deixarían beneficios no país e suporían un impacto medio ambiental e económico enorme”. Estes proxectos, na súa maioría, son explotados por grandes empresas que pagarían os seus impostos en Madrid, e cunha afectación ao sector turístico e mesmo ao sector pesqueiro, fundamental en comarcas como A Mariña, no caso da eólica mariña que se instalarían a menos de 15 quilómetros da costa.

BNG en contra das portaxes nas autovías
“A construción dunha autovía que non acaba de arrancar sumado ao proxecto presentado na Unión Europea polo Goberno do Estado para cobrar portaxes nas autovías, aumenta o agravio ao noso país que aínda non viu como o Estado cumprise o seu compromiso de baixar as portaxes na AP-9” recrimina Rego. Estas actuarían como sobrecusto que “moitas empresas non poderían soportar” e aumentarían a contaminación ambiental, así como o gasto social e sanitario polo risco de accidentes “ao optar por vías convencionais”.

Néstor Rego enfatiza nas graves consecuencias que suporía aplicar este pago nas autovías “lastrando a actividade económica do país. Non temos infraestruturas propias do século XXI”.

Exit mobile version