Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro insiste en saber cales son as bases coas que se conceden as subvencións

Viveiro, 23 de xuño, 2021. No pasado mes de maio, o PSOE de María Loureiro votaba en contra da moción do BNG para que as subvencións a entidades, asociacións e clubes do Concello de Viveiro fosen equitativas, democráticas e transparentes, onde podían rematar así, con esta irregularidade democrática de dar subvencións sen criterio coñecido algún. No PSOE defenderon o seu voto en contra, como malamente puideron, alegando que xa tiñan as súas propias bases. Bases que descoñecen até as propias asociacións e entidades que reciben ditas subvencións, e que tampouco aparecen nos documentos oficiais do Concello de Viveiro aos que ten acceso o BNG.

Tras estas afirmacións de que tiñan as súas propias bases, o BNG decideu preguntar no seguinte pleno de xuño cales eran para coñecemento de todas e en especial das entidades e asociacións que non saben porque lle son outorgadas as cantidades que reciben nin como poderían acadar maiores cuantías para desenvolver mellor o seu traballo.

Despois de que a concelleira do BNG Míriam Bermúdez formulase esta pregunta, a alcaldesa explicou os tipos de subvencións, sen mencionar criterio algún, nin como as outorga nin en que se basea para dar unhas cantidades ou outras, evitando así responder á pregunta. Tras a réplica de Míriam Bermúdez insistindo en que non aclarara nada e que respondese á pregunta, a alcaldesa María Loureiro contestou que: “nós damos por contestado o rogo, se podes continuar, vale!?”

A falta de transparencia no goberno de María Loureiro faise cada vez máis evidente pois continúa sen dar información clara ás preguntas que lle son trasladadas, reafirmando a denuncia que o BNG vén facendo dende hai semanas; “o goberno do Concello de Viveiro outorga subvencións públicas a dedo, por criterios persoais, como mellor lles conveña, por afinidade ou quen sabe como, sen bases existentes e/ou segredas, todo se pode dar” afirmou Míriam Bermúdez, e tachou isto como “un engano máis do goberno de María Loureiro querendo tratar á veciñanza como parva”.

Insistiremos de novo na necesidade de coñecer cales son os criterios e a puntuación outorgada a cada un deles para establecer as cuantías que lle son trasladadas ás asociacións sen ánimo de lucro. Así pois no vindeiro pleno de xullo, solicitaremos que se nos especifique, en base ao anexo de subvencións nominativas do orzamento 2020, a relación entre as cuantías outorgadas e a puntuación asignada a cada criterio.

Exit mobile version