Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG cualifica de “escándalo e latrocinio” que a Xunta destine fondos públicos aos bancos para pagar servizos, mentres pechan oficinas e despiden persoal

Santiago de Compostela, 18 de xuño, 2021. A deputada do BNG, Noa Presas cualificou hoxe de “escándalo e latrocinio” que a Xunta destine fondos públicos aos bancos para manter servizos básicos, mentres seguen pechando oficinas e despedindo a traballadores e traballadoras, a pesar de obter grandes beneficios entre os que salientou, 137,4 M€ de ABANCA, un 8,2% que no mesmo período do ano 2020, 1.608 millóns de euros o Banco Santander, 5 veces máis, e 1.210 M€, o BBVA.

Para a deputada, a Xunta do Partido popular está convertida na “fábrica do mal e os reis do márketing” ademais de tomar a “pitorreo” o Parlamento galego e gobernar contra os “intereses de todos os galegos e galegas”.

700 mil euros públicos para financiar caixeiros eliminados polos bancos

A última ocorrencia, dixo, é “financiar os caixeiros”. O PP ten previsto aprobar o destino de 700 mil euros ao ano para sufragar o servizo de caixeiros e criticou a rapidez para aprobar esta medida cando a Xunta tardou máis de seis meses para aprobar axudas directas aos autónomos, pero para “ engordar” a unha banca que saca tallada dunha crise, agora a través dos créditos ICO, non teñen tanto “ralentí”, remarcou.

No debate da proposición non de lei do BNG, Noa Presas preguntou quen goberna a Xunta, se o Partido popular ou a ABANCA porque despois de regalarlle a xestión e decisión sobre os fondos europeos, tamén lle entregaron a “privatización da universidade” impulsando unha universidade privada á que se opón “toda a universidade pública galega” e agora, a Xunta vai pagar aos bancos a reposición dos caixeiros que eles mesmos anularon, “un escándalo e un latrocinio” reiterou.

Dende o BNG, recalcou, “opoñémonos radicalmente” como están a facer as organizacións sociais ou sindicais como a CIG, a cal queremos trasladar o noso recoñecemento ao intenso traballo do sindicalismo nacionalista en defensa dos traballadores e traballadoras e en defensa dos intereses de todos e todas.

“Mentres a banca pecha oficinas, despide e precariza persoal e aumenta comisións, abusos e estafas en plena pandemia e en plena crise económica
que fan vostedes? Pagarlles como xa fixeron co rescate á banca con máis de “65.000 M€ dos que non se van recuperar nin 15 mil”, afirmou.

Retiren esta nova “estafa” e reconvertan o IGAPE nun instituto de crédito como paso previo a unha banca pública galega.

No 2008,explicou a nacionalista, había en Galiza máis de 2.500 oficinas e no comezo da pandemia, 1.300, o que dá idea da gran redución que supuxo a crise anterior.

Galiza perdeu na última década o 51,52% das sucursais bancarias nun proceso que non só abrangue o rural e zonas pouco poboadas, as cidades tamén ven como barrios enteiros quedan sen servizo baixo a escusa da “pandemia”.

A deputada do BNG lamentou que, unha vez máis, o Partido popular impedira que prospera a iniciativa nacionalista e anunciou que o BNG continuará traballando para impedir unha nova “estafa” das entidades bancarias.

Exit mobile version