1º.- A finais do ano 2020 esta plataforma fixo pública a súa oposición ao proxecto inicial de reforma da Praza da Catedral de Mondoñedo pois considerábamos que afectaba “irreversiblemente á estrutura e fisionomía deste espazo urbano, centro neurálxico e emblemático singular, parte dun Conxunto Histórico-Artístico e Patrimonio da Humanidade dos Camiños a Santiago”.
2.-Lembramos que o Manifesto Así NON! opoñíase á pretensión de trasladar o cantón e escaleiras do lado oeste da praza así como ao ancheamento da rúa do lado norte, e abríase a debater alternativas para tratar de resolver problemas como accesibilidade, saneamento, repavimentación ou iluminación. En definitiva, solicitábase outro tipo de “proxecto humanizador no que converxan a memoria, a historia, o presente e o futuro que pretendemos para Mondoñedo”.
3.-O sentido común por parte do goberno municipal, a insistencia dos impulsores do Manifesto e a lóxica democrática propiciaron a celebración de tres reunións entre as partes que induciron unha modificación do proxecto inicial na que o goberno municipal renunciou ás obras máis lesivas para a praza, limitándose a executar as de saneamento, iluminación, accesibilidade e repavimentación.
4.-Os impulsores do Manifesto queren deixar constancia, en todo caso, de que igual que o proxecto inicial xa fora redactado sen contar coa opinión da cidadanía tampouco este modificado o foi nin cos impulsores do Manifesto nin, que saibamos, con persoas ou colectivos representativos da veciñanza.
5.-Unha vez coñecido o proxecto modificado celebramos que se renunciase ás alteracións máis lesivas previstas no proxecto inicial pero dado que algunhas das intervencións van afectar á estética do conxunto, como a construción dun rampla de case 12 m. no lado sur do cantón e un considerable cambio no sistema de iluminación, o noso parecer é solicitar do goberno municipal que o someta ao trámite de exposición pública ou cando menos, que o faga público na web do concello.
6.-Expresamos o noso agradecemento ás máis de 1000 persoas que deron o seu apoio ao Manifesto Así NON!, detonante da modificación do proxecto inicial. Aproveitamos para reiterar que para actuacións desta magnitude sempre debe prevalecer a vontade de diálogo a través dos mecanismos de consulta á veciñanza sobre o modelo de cidade que desexa e, para acadar os mellores resultados posibles, promover os concursos de ideas necesarios.