Ribadeo, 29 de xuño de 2021. Dentro duns días, o 10 de xullo, entrará en vigor a nova ordenanza de limpeza viaria e xestión de residuos en Ribadeo. De aí que o concelleiro Jorge Díaz Freije aproveite para facer unha chamada á veciñanza co obxectivo de que se comporte do xeito máis cívico posible.
O edil de Medio Ambiente lémbralle tamén á poboación que “é a partires das nove da noite cando hai que depositar o lixo nos contedores, co obxectivo de evitar que os residuos orgánicos estean fermentando todo o día ao sol ocasionando cheiros que ás veces se volven insoportables. Facer o contrario é un comportamento incívico, é dicir botar o lixo cando nos dea a gana sen respectar o horario de verán. Tamén é incívico ir deixando as cabichas, as máscaras, as cáscaras das pipas ou os papeis nas beirarrúas. Hai contedores e papeleiras dabondo no noso concello para depositar todos estes elementos”.
Jorge Díaz considera que “poñendo todos un pouquiño da nosa parte teremos un Ribadeo máis limpo. Non é de recibo deixar enseres ou mobles calquera día ou en calquera lado. Dous martes ao mes facemos recollida previa solicitude no Concello. Temos ademais un punto limpo e contamos con servizo de cartón porta a porta dúas veces á semana”. Para o concelleiro ribadense “non é de recibo deixar cartóns e caixas enriba dos contedores de papel, porque resulta máis fácil iso que pregalos e metelos nos recipientes en cuestión”.
Díaz Freije insiste unha vez máis na tenza de cans: “os cans deben ir sempre atados, sexan grandes ou pequenos, cando saen á vía pública, aos parques ou aos paseos. E aqueles que pertencen ás denominadas razas perigosas teñen que levar ademais bozal. É obrigación dos donos das mascotas recoller os seus excrementos e limpar con auga ou con produtos desinfectantes os ouriños. Aínda nos quedan no Concello de Ribadeo botes para repartir de xeito gratuíto entre as persoas propietarias de cans. Iniciamos esa campaña de concienciación o pasado mes de marzo, porque dentro duns días vai ser obrigatorio saír coa botella de desinfectante na man para limpar os ouriños e os excrementos das nosas mascotas. Neses botes pódese ler: “o can é teu, as rúas e parques de todos. Non deixes pegada. Por un Ribadeo limpo”.
A nova ordenanza tamén recolle outros aspectos como a limpeza dos solares: “os propietarios de solares e terreos deberán mantelos limpos, libres de residuos e nas debidas condicións de hixiene, salubridade, seguridade e ornato público. Esta obriga inclúe a esixencia de desratización e desinfección dos soares. Dende os solares particulares, non poderá sobresaír á vía pública ningunha clase de maleza, arbustos, matogueiras ou calquera clase de vexetación. De conformidade coa Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o Concello poderá ordenar a execución desas obras de limpeza por motivos de interese estético ou de hixiene. Os propietarios de solares ou terreos que linden coa vía pública deberán valalos con cerramentos situados na aliñación oficial, construídos con materiais que garantan a súa estabilidade e conservación, e respectando en canto a estas condicións e á súa altura a normativa urbanística do Concello”.
A presente ordenanza municipal de limpeza viaria e xestión de residuos do Concello de Ribadeo ten por obxecto regular, dentro da esfera das competencias municipais, a limpeza das vías e ornamento público, así como a xestión de residuos, establecendo unhas normas xerais de actuación ao respecto e un sistema de infraccións e sancións para o caso de incumprimento. A razón desta Ordenanza é, esencialmente, orientar, informar e, no seu caso, sancionar á cidadanía, no seu desenvolvemento cotián no medio en que está inserido, no ámbito municipal, en todo o relativo á limpeza viaria e xestión de residuos, así como, a través dunha maior concienciación cidadá, colaborar para que o municipio permaneza limpo, evitando con iso que os custos de limpeza viaria e xestión de residuos se disparen por ter que recorrer a un aumento desorbitado dos medios.