O Vicedo, 29 de xuño, 2021. O mes de xullo do 61 quedou marcado a madeira, morte e salitre na memoria colectiva dos pobos mariñeiros dende Brest ata Ferrol e máis alá; de tal xeito que agora, 60 anos despois, e cando xa moitos dos protagonistas que sairon con vida daquela terrible experiencia que foi pasar unha galerna non están entre nós, perviven na transmisión oral moitos feitos e anécdotas do acontecido en alta mar e nos portos aos que ían chegando barcos desfeitos e novas de vivos e mortos.
Como homenaxe a tódolos mariñeiros e ás súas familias, e co obxectivo de deixar para a posteridade en formato audiovisual as vivencias das xentes do mar da nosa contorna, Nordés veu a producir, en colaboración co Concello de O Vicedo, un documental que leva por título “Ecos da Galerna do 61”, realizado por Pinancho audiovisuais e que vai ser estreado os días 10, 11 e 17 de xullo nas localidades de O Vicedo, O Barqueiro e Espasante.
. Sábado, 10 de xullo, Casa da Cultura do Vicedo ás 19:00h.
. Domingo, 11 de xullo, Centro Sociocomunitario de Mañón (O Barqueiro) ás 19:00h.
. Sábado, 17 de xullo, Centro Social de Espasante ás 19:00h.
Ao longo dos minutos desta mediometraxe, e tendo como colaborador no aspecto histórico da cuestión a Hixinio Puentes, “Canique”, “Pepe” e “Darito”, membros da frota boniteira que sufriu e padeceu os embates do temporal, daránnos conta das súas lembranzas, do que para eles foron eses días nos que un mar coma o que nunca viran esixía tributo en forma de vidas humanas, sendo quen de saír vivos para contalo.
E para que tamén vós o contedes, e sexades transmisores da historia das nosa xentes do mar é que vos convidamos a vir ás proxeccións previstas., tendo en conta que o aforo é limitado, faise necesaria a reserva telefónica (tamén whatsapp) ao 653756454.
En cada lugar, será obligatorio o emprego de máscara como marca a normativa vixente en materia sanitaria e respectaranse as distancias de seguridade.