Madrid, 8 de xuño, 2021. Tras se coñecer no día de onte a decisión do Ministerio de Industria de financiar con cargo a un fondo de 600 millóns de euros a construción dunha nova planta de aluminio primario en Zamora, o deputado do BNG exixe, máis unha vez, a intervención pública da planta de aluminio en San Cibrao. “Non é de recibo que en canto o Ministerio de Industria se resiste a cumprir os compromisos estabelecidos, incluídas as resolucións do Congreso, estea en disposición de financiar con recursos públicos unha nova planta promovida por un coñecido empresario con boas relacións tanto co PSOE como co PP”, resalta o deputado.
Néstor Rego lembra que, por iniciativa do BNG, foron aprobadas no Congreso dúas resolucións en que se instaba o Goberno á intervención pública da planta para garantir “a continuidade da actividade e da totalidade dos postos de traballo para desenvolver un proxecto industrial solvente e de futuro para A Mariña”.
“Mentres na Mariña aínda non se enxerga unha saída pola negativa do Ministerio á intervención pública, non teñen problema para financiar unha nova fábrica de aluminio para favorecer proxectos empresariais no mesmo sector”,recrimina o deputado nacionalista. “Primeiro que cumpran coa Galiza, o BNG non vai permitir que se discrimine o noso País. O Goberno español non pode deixar caer a planta de San Cibrao, estamos a falar de 1.000 postos de traballo entre Alcoa e auxiliares e do futuro da comarca”.