Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Nación’, de Margarita Ledo Andión, este venres en Ribadeo

Ribadeo, 4 de xuño de 2021. O Concello de Ribadeo organizou a estrea da película Nación, de Margarita Ledo Andión, este venres. Os primeiros en vela foron os alumnos e alumnas de ESO, que participaron este mediodía nun coloquio coa directora.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo que “fiel á liña iniciada hai anos na Concellaría de Cultura seguimos a traer as últimas películas do cine galego á nosa vila. Esta situación é máis rechamante neste momento, xa que o cine comercial de Ribadeo está pechado desde o inicio da pandemia do covid, hai máis dun ano”.

A proxección de Nación, premio á Mellor Dirección no Festival de Cine Europeo de Sevilla para Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, Lugo, 1951), contou coa presenza da súa directora, que mantivo un coloquio co público asistente. O primeiro pase, para 80 alumnos e alumnas da ESO, tivo lugar de 11.30 a 13.00 horas, momento no que os rapaces e rapazas conversaron coa directora.

O segundo pase, xa para público xeral, terá lugar ás 20.30 horas. O despacho de billetes será media hora antes.

Rodada en grande parte en Ponte Sampaio, Nación é unha película que narra a historia das traballadores da fábrica A Pontesa, que xa está cerrada, e a maneira na que o acceso a este emprego industrial mudou as súas vidas e lles proporcionou unha inédita autonomía.

“É unha película que trata do moito que tardamos as mulleres en termos dereitos, non só en votar senón en acceder a un traballo asalariado e á posibilidade de ser independentes. En resumo, o moito que nos custou ser nación”, dise na descrición da película.

O retrato destas mulleres traballadoras ten ás actrices Mónica Caamaño e Nieves Lusquiños como protagonistas, acompañadas por Mónica de Nut ou Xoana Pintos. A banda sonora é de Mercedes Peón.

Exit mobile version