Site icon Crónica3.com A Mariña

Mulleres investigadoras na XXVI Feira da Ciencia e da Cultura do IES Ribadeo Dionisio Gamallo

Ribadeo, 5 de xuño, 2021. Na XXVI Feira da Ciencia e da Cultura do IES Ribadeo Dionisio Gamallo tivemos a sorte de contar coa colaboración de catro mulleres investigadoras.

A conferencia inaugural foi impartida para alumnado de 4º ESO por Sonia Villapol, neurocientífica natural de Bretoña que dende 2010 traballa en EEUU, actualmente como investigadora principal e profesora no Texas Medical Center de Houston. Ademáis, dende fai un ano, coordina o Equipo de Investigación Internacional da COVID-19. Na súa conferencia titulada “ A ciencia rescatounos da pandemia” ademáis de falar da Covid 19 e dos danos neurolóxicos que ocasiona, contounos que cada día busca financiación e ideas para o seu equipo de investigación e reflexionou sobre a importancia da cooperación internacional a nivel científico indicando que coa vacinación masiva, o final da pandemia está próximo.

Outra videoconferencia foi con María Vieites, doutora en física nuclear que traballa en Suiza, para o CERN, como investigadora no Grupo de Física de Altas Enerxías. Impartiu para nós a charla “O Cern: acelerando e detectando partículas”. Contounos como funciona o Centro Acelerador de Partículas, que é a máquina máis grande construída polo ser humano, deunos datos tan curiosos como que o túnel do acelerador está situado a 100 metros de profundidade e que traballan coas temperaturas máis frías de toda a galaxia, a -271,3ºC pero ademáis, tratou de que entenderamos a necesidade da antimateria nun mundo dominado pola materia. Do seu traballo diairo destacou que lle permite estar en contacto con colaboradores do CERN repartidos por máis de 80 países e que a información é compartida entre todos o que supón unha grande vantaxe á hora de investigar. Finalmente, María, que foi gran colaboradora como alumna en moitas Feiras da Ciencia, confesounos que ademais de investigar tamén lle gusta divulgar para achegar a ciencia ó público.

De xeito presencial, tivemos a sorte de contar con Ana Boullón, Doutora en filoloxía galega, profesora titular do departamento de galego da USC e que recentemente foi nomeada membro de número da Real Academia Galega (RAG), da que xa é correspondente. O seu ámbito de investigación céntrase sobre todo na onomástica, na edición de textos e na lexicografía. Pronunciou unha charla titulada “Os apelidos galegos” e na súa intervención, explicou a historia da creación dos apelidos e centrouse nalgúns propios da zona de Ribadeo. Como autoridade destacada tamén no ámbito  da toponimia, rematou aludindo á polémica sobre a denominación da ría, defendendo, de xeito moi documentado o nome Ría de Ribadeo.

A cuarta muller investigadora coa que contamos na XXVI Feira da Ciencia e da Cultura foi Laura Calaza, licenciada en Matemáticas na USC coa especialidade en Estatística e Investigación Operativa, Máster en Técnicas Estatísticas, membro activo da Real Sociedade Matemática Española pero tamén dende 2015, membro do Instituto da Lingua Galega participando nos proxectos que se desenvolven dentro da Rede de Investigación de Tecnoloxías e Análise de Datos Lingüísticos (TecAnDaLi).

Impartiu dúas charlas: unha para alumnado de 3º ESO titulada “O debate do X” e outra para alumnado de 1º Bacharelato baixo o título “Dime como falas e direiche de onde eres”. Ter unha matemática falando de dialectoloxía galega supón para nós un valor engadido pois axuda a romper esa fronteria entre as ciencias e as letras. Están moito máis ligadas do que podemos imaxinar e Laura demostroullo sobradamente ó noso alumnado.

Dende o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, agradecémoslle a todas elas a súa colaboración desinteresada e dámoslles a noraboa polo seu traballo. Foi un honor contar con elas.

Exit mobile version