Barreiros, 28 de xuño de 2021. O Concello de Barreiros anuncia que, ademais dos roteiros en kaiak recentemente anunciados, tamén organizará rutas ambientais guiadas a pé por un tramo da marxe da Ría do Masma.
Serán gratuítas para os/as participantes e discorrerán polo trazado do Camiño Natural do Cantábrico dende a praia de Altar ata a ponte do tren situada pouco despois da Lagoa dos Patos completando unha distancia aproximada de 8 quilómetros (ida e volta) a realizar nunhas tres horas.
Durante o percorrido, acompañado por un/unha guía especializado/a, poñerase o foco na importancia deste ecosistema cunha ampla diversidade de tipos de hábitats e de especies de flora e fauna propios destes humidais. Tendo en conta que esta ría constitúe un dos puntos estratéxicos de Galicia para a observación de aves tamén haberá oportunidade para facer posibles avistamentos destes animais.
Están programados catro roteiros, dous en xullo e dous en agosto podendo consultar toda a información na web www.aescola.concellodebarreiros.gal ou chamando á Oficina de Turismo no 982 134 400. As prazas son limitadas e as preinscricións estarán abertas dende o venres 2 de xullo ata tres días antes de cada unha das rutas e realizaranse exclusivamente a través do Rexistro Municipal de forma presencial ou da Sede Electrónica do Concello.
A Alcaldesa, Ana Ermida, agarda que a programación de actividades para este verán contribúa a facer de Barreiros un lugar atractivo onde dispoñer de alternativas de ocio ao tempo que se poñen en valor os seus atractivos turísticos.