Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 7 millóns de euros, o orzamento de Burela para este ano que se debaterá en pleno extraordinario o xoves

Burela, 29 de xuño de 2021. O presuposto municipal do Concello de Burela para 2021 ascenderá a máis de 7 millóns de euros. Este xoves, 1 de xullo, debaterase en pleno extraordinario ás 20 horas. Tamén se aprobarán os festivos locais de 2022, que serán o Martes de Entroido e o luns das festas patronais, segundo deu a coñecer hoxe o alcalde, Alfredo Llano.

O rexedor contou que “corresponde facer o pleno extraordinario para aprobar os orzamentos, se é posible, este xoves, 1 de xullo. O pleno vai ser telemático, esperemos que sexa o último e poidamos facelos de xeito presencial a partir de aí. Imos aprobar os orzamentos máis os días festivos para o 2022, que serán os mesmos deste ano, o Martes de Entroido máis o luns das festas. Tamén temos previsto, non sabemos se poderá levarse adiante ou non, porque depende da decisión que tomen en Alcoa, facer un acto para recibir aos traballadores da factoría, pero pode ser agora ou noutro pleno, así que xa o confirmaremos”.

Llano explicou que “os orzamentos por fin se poden levar a pleno dado que houbo moitas dificultades, estivemos sen Intervención durante moito tempo e houbo que elaboralos agora. Practicamente van na liña do ano pasado, son case 7.100.000 máis o que hai que engadir do Plan Único, que son 376.000 euros, polo tanto superamos nesa cantidade os do ano pasado”.

O alcalde subliñou que “están orientados a atender todas as necesidades tanto sociais como de investimentos e servizos que están perfectamente calculados. Esperemos que sexan suficientes, están pensados para que así sexa e, desde logo, poder atender as necesidades de Burela da mellor maneira posible. Agardemos que todo vaia ben e poidan saír para adiante o próximo xoves”.

Exit mobile version