Santiago de Compostela, a 3 de xuño de 2021. Máis de 130 colectivos, plataformas e entidades galegas de todo tipo (ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais, sindicais, políticas…) botaranse este sábado 5 de xuño ás rúas de Compostela para manifestar o seu rexeitamento contra a invasión eólica de Galiza. Así pois, ás 22 entidades convocantes da marcha, sumáronse na última semana máis dun cento de organizacións de diversa índole que subscriben o manifesto “Eólica, Así Non” e que amosan a súa vontade de participar na manifestación do 5 de xuño, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. Estas organizacións únense ao chamado á participación da sociedade galega nunha grande mobilización social que esixa dun xeito contundente e masivo a paralización urxente de preto de 200 proxectos eólicos que arestora están en tramitación nas administracións da Xunta e do Estado e que pretender asentarse dun xeito caótico e irracional no noso territorio.
O manifesto “Eólica, Así Non” que subscriben todas estas entidades advirte das graves deficiencias que presenta o actual modelo de desenvolvemento eólico de Galiza e que considera desfasado, colonial, inxusto e insostíbel. Insta a derrogar o actual Plan sectorial eólico por carecer de ordenamento e avaliación ambiental e favorecer a especulación e o negocio do oligopolio enerxético por riba do ben común, dos dereitos das persoas, do futuro do rural, ou da preservación da paisaxe, da contorna natural e do patrimonio cultural.
Segundo as entidades adheridas ao manifesto, a transición enerxética está sendo usada como escusa polas grandes multinacionacionais da enerxía para facer o seu particular “lavado verde” e destruír de novo o territorio galego coa conivencia das administracións públicas e a regalía dos fondos europeos. O escrito chama a atención sobre o papel de Galiza como territorio xa especialmente prolífico na produción de enerxías renovábeis, que xa supera o consumo actual e exporta o 30% da electricidade xerada.
As máis de 130 organizacións que secundan esta Gran Marcha contra a inasión eólica tamén reclaman á Xunta a derrogación da Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais (2017) e a Lei de simplificación administrativa (2021) (“Leis de depredación”) que rebaixan as garantías ambientais e restrinxen os dereitos dos cidadáns.
Porén, como reza o manifesto “Eólica, Así Non” estas entidades apoian as enerxías renovábeis, mais avogan por un cambio de modelo de desenvolvemento eólico cara a un sistema descentralizado, baseado na soberanía enerxética, no fomento do aforro, da eficiencia enerxética e do autoconsumo e na xestión pública do recurso ao servizo da sociedade galega.
Ligazón ao manifesto EÓLICA, ASÍ NON: https://bit.ly/2SvKTU6