Burela, 1 de xuño de 2021. O alcalde, Alfredo Llano, agarda que as festas patronais de Burela se celebren con normalidade o vindeiro ano. Agora toca facelo seguindo as normas ditadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á pandemia do covid. O rexedor subliñou a importancia destes festexos.
Llano dixo que “estamos a celebrar as festas de Burela, adaptadas á normativa da seguridade sanitaria porque procuramos facer as cousas da mellor maneira posible. Son unhas festas que polo menos lembren, motiven e fagan unha unión de pobo minimamente, que é o que nos parece máis adecuado”.
O rexedor agarda que as festas de 2022 se poidan celebrar con normalidade: “esperemos que para o ano que vén xa se poidan facer dunha maneira normalizada unhas festas que consideramos moi importantes porque Burela é unha referencia clara no inicio dos festexos na Mariña. As festas de Burela teñen unha gran importancia en moitos aspectos, sobre todo no vinculado co sector náutico pesqueiro. Estas festas víñanse celebrando nesta época para facilitar que a xente do mar tivese a oportunidade de desfrutar delas antes de partir á pesca do bonito”.
Alfredo Llano sinalou que “este ano estamos facéndoas da mellor maneira posible: houbo pregón, hai actuacións musicais, tamén se cantará a Salve o domingo no porto á unha da tarde, teremos as misas do sábado e do domingo, … Para dalgunha maneira lembrar as festas, motivar e recoñecer a importancia que teñen para Burela os festexos patronais e, sobre todo, como un premio ao que se fixo aquí porque en Burela, hai que dicilo con toda a intensidade, houbo un comportamento exemplar na xestión da pandemia. Por exemplo no mes de xullo do ano pasado o comportamento da veciñanza de Burela foi un exemplo claro de cómo facer as cousas para actuar con eficacia e con resolución ante a pandemia”.
O alcalde dirixiu unha mensaxe á veciñanza: “unha aperta para todos os veciños e veciñas de Burela e que, coa maneira que eles elixan, gocen un pouco destas datas, que son para celebrar”.