Burela, 30 de xuño de 2021. O alcalde, Alfredo Llano, subliñou o traballo realizado polo Concello e o seu respecto polo medio ambiente, tras coñecer que recibiu a bandeira negra no informe anual do colectivo Ecologistas en Acción. O rexedor dixo que están agardando pola nova Edar para subsanar todos os problemas que a vella produce en canto chove.
Llano declarou que “teño que dicir que nosoutros estamos agardando, estase traballando, espero que con toda a rapidez que se necesita, para facer unha nova Edar en Burela. Hai unha nova Edar programada, está a punto de rematar o proxecto executivo e en pouco tempo espero que se licite e que se faga entre o ano que ven e o próximo. Todo o mundo que coñece Burela sabe que a nova Edar é moi necesaria. Está calculada para dar servizo a entre 16.000 e 20.000 habitantes. Agora mesmo a Edar que se fixo no seu momento non é capaz de asumir todas as augas residuais”.
O alcalde burelés manifestou que “en Burela estamos preocupados polo medio ambiente, estamos involucrados na iniciativa dos Concellos polo Clima e pola a Enerxía. Estamos en proxectos europeos e autonómicos, incluso coa Universidade de Santiago. Si que estamos atendendo ao que cremos que debe ser un bo tratamento do medio ambiente. Queremos conseguir unha sociedade en Burela que estea integrada perfectamente co medio ambiente. Para iso estanse facendo moitas obras, por exemplo a separación de augas residuais e pluviais, temos a recollida selectiva de lixo, o punto limpo, etc… estamos tratando de facer unha labor extraordinaria na recollida e procurar que se verta o menos posible. Temos slogans postos nos sumidoiros para concienciar de que o mar comeza no primeiro sumidoiro. Somos conscientes da responsabilidade que corresponde a unha institución como é un Concello de dar exemplo de como debemos coidar o medio ambiente. Nese aspecto penso que desde Burela estamos traballando ao máximo”.
Alfredo Llano engadiu: “estou de acordo, eu tamén esixo e me preocupa que non se faga a Edar, que está proxectada desde 2014 e estamos en 2021 co proxecto executivo en marcha. Penso que sería moi necesario rematar esa nova Edar e despois temos que ser conscientes todos de mellorar a nosa actitude para que o medio ambiente non se resinta.
Esa conciencia procuramos mantela desde o Concello e cada vez que hai unha actuación, que realmente repercuta dalgunha maneira no medio ambiente, estamos presentes e tratamos de mellorar sempre. Eu estou de acordo en que se fagan este tipo de denuncias porque é bo que se conciencie á xente e que se actúe, pero tamén hai que actuar en xustiza e pensar que en Burela, dentro das nosas posibilidades, estamos acometendo iniciativas que realmente melloran o medio ambiente”.