José Miñones constatou que “a provincia de Lugo é protagonista das políticas do Goberno” e asegurou que “nunca antes tivo o protagonismo que ten agora” ao contar con importantes investimentos. En concreto, fixo referencia aos 1.509 millóns de euros que chegan con dous obxectivos.
“Por unha banda, queremos recuperar o tempo perdido nas infraestruturas durante anos de abandono e, doutra banda, dar resposta á emerxencia sanitaria, social e económica provocada pola pandemia”, continuou.
O delegado do Goberno subliñou que “o Goberno de España dedicou, está a dedicar e dedica 734 millóns de euros ao escudo social que protexe ás familias de Lugo, aos seus autónomos, ás súas empresas, ás persoas. É coma se construísemos nun ano 3 HULA”, destacou.
“Quero trasladarlles aos lucenses que o Goberno está presente na provincia e preocúpase e ocupa dos seus veciños e veciñas. Como dixen, nunca antes un Goberno fixo este esforzo en investimento social na provincia de Lugo”, lembrou.
INVESTIMENTOS
O delegado do Goberno concretou os investimentos. En estradas foron 183 millóns de euros nos últimos anos, dos que 122,4 corresponden a novas infraestruturas e 60,6 millóns, a conservación e seguridade viaria.
“Hai outras infraestruturas tamén importantes, como as que responden a unha nova política sostible e respectuosa coa contorna, que abordamos desde o Ministerio de Transición Ecolóxica. Máis de 22 millóns de euros na provincia para substituír luminarias por outras máis eficientes, para abordar plans de mobilidade sostible e para promover unha economía local máis sostible”, engadiu.
Está tamén a extensión da banda ancha, tan importante nesta provincia e no seu rural. “O último plan permitiranos levar nos próximos meses a banda ancha a 2.773 núcleos de 41 concellos”, subliñou.
“Por tanto, e a modo de resumo, un forte investimento e un forte compromiso do Goberno con Lugo. Investimento social e investimento en infraestruturas. Unha resposta que se incorpora e adecúase ao Plan de 130 Medidas fronte ao Reto Demográfico”, asegurou.
José Miñones incidiu na importancia da “resposta firme e contundente que permitirá recuperar o tempo perdido nos últimos anos e que outorgará a Lugo o protagonismo que merece, con infraestruturas, con servizos e con políticas para que os lucenses, vivan onde vivan, conten coa calidade de vida e oportunidades que demandan”, rematou.