Ribadeo, 21 de xuño de 2021. Hoxe foi inaugurada en Ribadeo a oficina de información ao peregrino. Esta actuación forma parte dun dos obxectivos do obradoiro dual de emprego RibadeoXCamiño, que botou a andar en decembro. A instalación estará atendida polo alumnado do devandito obradoiro de luns a venres. De luns a mércores o horario será de 10:30 a 15:00 horas e os xoves e venres de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 19:00 horas.
Na súa intervención o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, manifestou que “eu recuperei unha parte da presentación que tivéramos alá polo mes de decembro, cando se iniciara o obradoiro e recordo que nos marcábamos dous obxectivos, un deles era o deseño, planificación e desenvolvemento da oficina de información ao peregrino e o por outro lado, o centro de interpretación do Santuario das Virtudes, ao mesmo tempo que se buscaba, ao ser un obradoiro dual, que adquirirades coñecementos, formación e que a puxerades en práctica con ese obxectivo. Dito iso, eu creo que estamos hoxe nun momento no que se pode afirmar que o obradoiro está en plena madurez, porque un deses obxectivos está xa acabado, porque estamos precisamente no acto de inauguración desa oficina de información ao peregrino e ademais para chegar aquí e facer o que fixestes, tivestes que aplicar coñecementos que recibistes, polo tanto dobremente obxectivo conseguido”.
O edil ribadense dixo que “estiven a semana pasada aquí para saber como ía este traballo e a verdade é que quedei moi gratamente sorprendido porque reflicte perfectamente o obxectivo que se estaba marcando que era potenciar e situar a Ribadeo como punto importantísimo do paso da ruta xacobea polo noso concello. E creo que está perfectamente conseguido porque por un lado podemos ver todo o itinerario da ruta xacobea, desde Roncesvalles ata Compostela, e por outro podemos ver máis detalladamente cal é o paso do Camiño de Santiago polo noso casco urbano e tamén polo resto de parroquias en dirección a Compostela. Así que teño que dicir que é un traballo moi ben elaborado, con moita información e que vai permitirnos darlle a resposta que piden os peregrinos e os visitantes relacionados coa peregrinaxe a Compostela, unha información moitas veces singular e diferente”.
Pablo Vizoso engadiu: “ademais vai servir para poñer outra vez en valor esta sala de exposicións, como punto central de Ribadeo e seguir nese obxectivo de situar a Ribadeo como inicio de etapa no Camiño a Santiago. Non me queda máis que felicitarvos, darvos a noraboa e todos parabéns polo traballo excelentemente feito. Espero que teñades moitos peregrinos para informar porque ademais é o momento propicio, xa se está vendo movemento. A semana pasada xa se vían grupos de peregrinos por Ribadeo outra vez, do cal me alegro e estou seguro que lle ides dar unha resposta á altura das súas expectativas”.
O alcalde, Fernando Suárez, salientou que “me parece fenomenal a posta en escena e todo o traballo que leva detrás, porque sendo un traballo formativo non sodes unha empresa especializada en cuestións turísticas do Camiño de Santiago e esta posta en escena non ten nada que envexar a se quixéramos facelo de maneira profesional. Si quixéramos facer unha auténtica oficina de turismo profesional de información ao peregrino sería isto, é dicir, información fotográfica boa do Camiño, do que ofrece Ribadeo e incluso multimedia, ademais uns códigos QR para que estean noutras linguas e que os peregrinos poidan entendernos perfectamente. Paréceme un proxecto moi ben elaborado e entendo que cando isto é así é porque os profesores son bos e os alumnos e alumnas tamén. Creo que os que veñan van quedar impactados ao chegar a un sitio onde poden ter información solvente e de primeira man, incluso con ramificacións, xa que se logo queren algo poden ir á outra oficina de turismo. Darvos os parabéns e que, nestes tres meses que tedes por diante, sigades facendo esta boa labor que facedes”.