A segunda pranta do CENIMA (Centro de Interpretación do Mar) acollerá ata o vindeiro 13 de xullo as tres mostras que forman o proxecto:
“Mariñas, marosas e maruxainas, que inclúe 16 retratos de traballadoras do mar e da terra, unha por cada concello da comarca. As fotografías, asinadas por Germán Limeres, Xosé Reigosa, Ignacio Castro “Nachok” e Lucía Sánchez, amosan o paso do tempo polas facianas e as mans de pescantinas, redeiras, mariscadores, percebeiras, empregadas de conserveiras, taberneiras ou labregas.
“Derivas”, unha mostra fotográfica de Ignacio Castro “Nachok” que se enfía como un retrato sensorial da Mariña, dende os pensamentos e sentimentos que o mar provoca na vida das persoas que viven na comarca.
“Medio Mariño”, unha representación da bíodiversidade a través dunha colección de malacoloxía e algas.
As tres mostras están conectadas e contextualizadas por textos informativos asinados por Herminia Pernas Oroza, Chema Leal Bóveda e Charo Fernández González, que repasan, en clave histórica, o papel das mulleres nos oficios do mar e a súa invisibilización nas fontes documentais.
Ademais, incorporáronse ao proxecto pezas relacionadas cos traballos do mar, cedidas pola Sociedade Cultural A Rula de Foz. Entre elas, unha nasa, unha prensa da conserva, unha romana empregada polas pescantinas para a venda do peixe, un par de cesta de palangre, unha bacía , agullas de enmalle e unha etiqueta de conservas Dalo.
Homenaxe ás mulleres da comarca
A inauguración serviu tamén de homenaxe as mulleres retratadas, que foron agasalladas cunha réplica da súa fotografía. A vicepresidenta da Deputación, que estivo acompañada no acto polo alcalde de Foz, Francisco Cajoto, e polo tenente de alcalde e concelleiro de Patrimonio, Medio Ambiente, Medio Rural e Mar, Xavier Fanego, agradeceu “a súa presenza no acto e a xenerosidade coa colaboraron neste proxecto da Rede Museística, que ten como principal obxectivo recoñecer e visibilizar o traballo das mulleres”.
“Non sei se se imaxinaron algunha vez embaixadoras dos seus concellos, da súa comarca, pero nesta exposición cumpren este papel. Representan o esforzo de todas as mulleres da súa xeración e das precedentes para sacar adiante as súas familias co traballo no mar e na terra, na casa e fóra dela”
“Queremos que esta exposición e este encontro sirvan para recoñecer o traballo de todas. Tamén para saírmos daquí máis orgullosas do propio, máis convencidas das posibilidades que ofrece o mar como referencia patrimonial e cultural e tamén como sector produtivo”, concluíu a vicepresidenta antes de entregar as réplicas fotográficas a Inés Fraga Naray “Sita” de Foz, Dora Tallón Maseda de Alfoz, Tarsila Veiga Vega de Barreiros, María Jesús Alonso López de Burela, Bárbara Gil García de Ourol, María del Carmen Río de Ribadeo, Josefa Meitín de Xove e Hortensia García Freije de Riotorto, que estiveron presentes no acto.
A mostra complétana retratos de Aurora García Fraga de Cervo, Alicia Reigosa de Lourenzá, Alicia Tella (finada) de Mondoñedo, Juana González Díaz “Juanita” da Pontenova, María del Carmen del Río Martínez, Carmen Murias Bermúdez de Trabada, Piedad Seijas Cao do Valadouro, Leonor Casas Lamela do Vicedo e Ana López Galdo de Viveiro, que tamén recibirán cadansúa réplica.
A xerente da Rede Museística, Encarna Lago, subliñou na presentación a colaboración do tecido asociativo e da comunidade educativa da comarca para contactar con estas persoas e facernos partícipes das súas traxectorias vitais.