A esta colaboración a Consellería do Mar destina máis de 192.500 euros a distribuír nas anualidades 2021-2023 e para cubrir os custos do desenvolvemento das accións que abarca o convenio, das persoas investigadoras e de apoio e os gastos correntes de desprazamentos e material funxible, entre outros. A Fundación Universidade da Coruña, como responsable da xestión económica de contratos de investigación da UDC, encargarase da administración e xestión económica do convenio.
O traballo a realizar cubrirá todo o litoral galego para definir as liñas das políticas culturais unindo as tradicións e o valor do patrimonio marítimo. Para iso a Universidade da Coruña realizará unha investigación que estará dirixida polo profesor e experto na materia, Óscar Fuertes Dopico e a Consellería do Mar facilitaralle apoio e asesoramento técnico cando sexa preciso.
Nela abordarase unha análise para un diagnóstico concreto da cultura do mar e ademais debaterase con expertos vencellados ao sector do mar, coas principais asociacións da cultura marítima e outros axentes relacionados con este ámbito.
Estes labores realizaranse en seis fases. As tres primeiras son a de investigación, a de elaboración dun documento marco preliminar e lanzamento entre os axentes culturais e a de seguimento e realización das accións. As partes restantes serán a de análise e resultado das accións e propostas de futuro, a coordinación dos efectos das accións e das necesidades futuras e a elaboración dun documento de actualización do plan inicialmente proposto, pois será un documento vivo.
O cronograma de accións que abarca esta colaboración estenderase desde outubro de 2021 ata decembro de 2023. De feito, o convenio estará vixente desde a data da súa sinatura ata o 31 de decembro de 2023 con posibilidade de prórroga se así o deciden as partes asinantes.
Para cuestións de interpretación, modificación, resolución ou efectos que poidan xurdir durante a execución do convenio crearase unha comisión de seguimento que estará constituída por dous representantes da Consellería do Mar e dous representantes da Universidade da Coruña.
O Plan da cultura marítima-horizonte 2030 terá como finalidade promover a protección e consolidación do patrimonio galego vencellado ao mar, como construcións, obxectos e creacións inmateriais. Para iso tratará de compilar a presenza dos elementos culturais, e patrimoniais e analizar o seu estado de conservación, entre outros aspectos. Este acervo resulta de gran valor porque explica a transformación do territorio e o modo de vida da xente do mar, a súa construción social e cultural ao longo do tempo e a evolución dos seus oficios e técnicas.
Aposta do Executivo galego
Este convenio de colaboración enmárcase na aposta da Xunta pola posta en valor e recuperación do patrimonio marítimo de Galicia. Unha cuestión que tamén se reflicte por outras vías, como por exemplo, a dos grupos de acción local do sector pesqueiro aos que se poden presentar proxectos que fomenten a conservación do patrimonio relacionado co mar cos que poden optar ás axudas que o Goberno autonómico destina ás iniciativas destes grupos.
Outra mostra é o Estudo do bordo litoral desde a enseada de Broña a Punta Barquiña no concello de Outes, do que é responsable Óscar Fuertes Dopico e que contou co apoio da Consellería do Mar. Este traballo pon en valor diferentes construcións do litoral desta zona, como antigas rampas, diques, casetas de pescadores ou estaleiros tradicionais, que amosan unha parte do pasado da Galicia mariñeira e establece liñas de actuación para poder garantir a súa protección.