O vindeiro martes 29 de xuño instalaremos un punto de información no Mercadillo semanal de Foz (Praza do Conde Fontao) para informar, concienciar e sensibilizar á poboación sobre as distintas formas de violencia contra as mulleres. Alí distribuiranse distintos artigos e materiais de sensibilización da campaña, como pulseiras, chapeus ou mochilas, ademais de guías de sensibilización e folletos.
Tamén realizaremos unha enquisa anónima a pé de rúa ás persoas que acudan ao mercadillo para realizar un estudo posterior que permita coñecer o grao de coñecemento e implicación contra as violencias machistas.
O persoal da asociación informará na carpa, ademais, das distintas medidas contempladas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, asesorará, resolverá dúbidas e indicará como solicitar máis información.