O rexedor municipal de Foz engade que “outro exemplo é a bolsa de interinos de carácter nacional. Estamos a falar de secretarios, interventores e tesoureiros que constitúen os motores dos concellos. A Lei 7/1985 do 2 de abril de bases do réxime local atribúe ás comunidades autónomas a competencia para levar a cabo os nomeamentos de persoal interino naqueles postos reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional. O problema é que non se fan exames e as bolsas están baleiras. No caso de habilitados secretarios hai neste mes de xuño 6 na bolsa, 9 en intervención e 3 en tesouraría. Este persoal é insuficiente para cubrir baixas e outras continxencias, o que provoca enormes problemas administrativos nas entidades locais”.
Para Fran Cajoto “a parálise administrativa da Xunta está xerando unha problemática terrible. O verán está aí e necesitamos servizo de salvamento nas praias. Hai ben poucos anos -estamos a falar do 2017 e 2018- a Xunta financiaba 16 socorristas en Foz e as resolucións saían no mes de maio. No 2020 financiáronse unicamente 6 e neste 2021 a data 15 de xuño non sabemos cantos finalmente nos vai a conceder Santiago. Debemos ser todos conscientes e esixir unha solución de forma inmediata”.
O alcalde destaca que “o Concello de Foz fixo os deberes e sacou con fondos propios unha convocatoria de 14 socorristas -incluído o xefe de equipo-, o maior esforzo económico feito nunca. Debemos ser responsables e mirar nas datas nas que estamos, o verán non se pode retrasar”.