Páxina web do Sergas, onte pola tarde, tralo anuncio de que Viveiro pasará a grado alto de restricións debido ao incremento de casos: a día de hoxe parece ser que 35, tan só un máis. Busco as condicións establecidas polas autoridades para o nivel alto, e atópome con que o nivel alto supón, segundo o seu criterio, unha incidencia acumulada a 14 días de entre 250-500 casos por cada 100.000 habitantes. As informacións que nos chegan son de 34 casos activos a día de onte. En Viveiro somos 15.391 habitantes segundo o censo a 1 de xaneiro de 2020 (por certo, perdemos poboación de xeito constante, imos mal); fago o cálculo matemático, incidencia 220,90 casos por cada 100.000 habitantes, non chegamos ao establecido. Dito isto chego a dúas conclusións: ou o Sergas non da os datos certos, ou toman a decisión fácil, de ser así, para eles é sinxelo, non lles custa nada. A indignación medra.
En Viveiro, temos 119 locais de hostalería (entre bares e restaurantes), pensións, hoteis de ata 4 estrelas, campings, apartamentos turísticos, empresas de ocio e aventura… Centos de persoas viven día a día do sector; ducias de negocios que volven a ingresos cero; centos de traballadores volverán aos Ertes durante este período coa correspondente redución dos seus salarios; e todo isto sen chegar ás propias esixencias do goberno galego para o peche, ou moi xustiños.
Levamos 5 peches forzados, algúns negocios incluso ata 6 ou 7 peches; perdas económicas cuantiosas; postos de traballo perdidos; golpes á nosa imaxe turística constante; E todo isto sen constancia de que nin un solo dos brotes que tiveron lugar no noso Concello, ningún, se producise nun local de hostalería.
Chego a varias conclusións: Que fácil é tomar unha decisión, cando non vai ao bolsillo; Que fácil é tomar unha decisión, e deixar a centos de familias en incertidume, sen saber cando rematará esta agonía!; Que fácil é optar pola opción máis restritiva cando o xuizo dos que toman as decisións é inapelable. Eles e elas, os que toman as decisións, cobrarán as súas nóminas o día trinta, e seguirán coa súa vida, mentres a hostalería e sector turístico, seguirémonos erguendo día a día, para levantar este puto país, sacar as nosas familias adiante, e aínda por riba, pagarlle a esta tropa os seus salarios.
Pd. Por favor, cumpride as normas, a ver se todo isto remata pronto.