Burela, 14 de xuño de 2021. O alcalde, Alfredo Llano, anunciou que mañá, martes, darán comezo as obras de asfaltado da estrada que une o cemiterio de A Puída co Monte Castelo. Os traballos vanse prolongar durante unha semana aproximadamente, tempo no que o acceso a esa área recreativa estará cortado ao tráfico.
O rexedor explicou que “mañá, segundo nos acaba de comunicar a Deputación, se vai comezar o asfaltado da estrada que sube desde o cemiterio de A Puída ata a área recreativa do Monte Castelo, e tamén zonas adxacentes como o Punto Limpo. Vaise facer un asfaltado integral onde se van realizar unhas melloras bastante notorias”.
Alfredo Llano dixo que “mentres duren as obras vai estar cortado o acceso ao Monte Castelo porque estarán as máquinas interrompido o paso. Xa avisamos á comunidade de montes e de forma xeral a todo o mundo. Será durante o tempo que dure a obra, sobre unha semana ou nove días, se non hai ningún impedimento. Pedímoslle a todo o mundo que non vaia ata o Monte Castelo posto que vai estar interrompido o paso polas obras que se van facer”.
Concentración na praza do Concello
O alcalde de Burela tamén anunciou que “tras os acontecementos tristísimos que houbo en Canarias co asasinato desas dúas nenas, nosoutros imos facer mañá, día 15, ás doce do mediodía na praza do Concello unha concentración silenciosa para homenaxealas e chamar a atención de que isto non pode seguir así e que realmente hai que poñerlle solución inmediatamente. Invitamos a todo o mundo, veciños e non veciños que estean por Burela, a esta concentración que será mañá, martes”.