Site icon Crónica3.com A Mariña

“Escapada Rural” polo interior peninsular para comezar o verán con “Merluza de Burela”

Burela, 26 de xuño, 2021. “Escapada Rural”, o maior buscador online de aloxamentos rurais de España e Portugal, volve propoñer esta fin de semana unha serie de aloxamentos rurais do interior de España que ofrecen receitas especiais de pescada do pincho de Burela para celebrar a “escapada” de San Xoán.

Trátase da última acción promocional da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, que completa así a súa campaña de primavera 2021 na que levou a “Merluza de Burela” a dez casas da rede de aloxamentos de “Escapada Rural” en toda a península.

En Semana Santa as accións dirixíronse a casas rurais de Castela e León, Castela A Mancha, Extremadura e Cataluña. Coincidindo coas Letras Galegas, a mediados de maio fíxose unha promoción en diferentes puntos de Galicia.

E nesta fin de semana a pescada do pincho de Burela chega a aloxamentos das dúas Castelas e Extremadura, podendo degustarse en La Posada de los Sentidos (Jarandilla de la Vera, Cáceres), Castillo de la Riba (Riba de Santiuste, Guadalajara) e na Casa Rural La Irvienza (Martín Muñoz de las Posadas, Segovia).

«Aproveitar o auxe do turismo de interior en España combinándoo co mellor da gastronomía mariñeira de Galicia» é o grande obxectivo desta unión entre os produtores pesqueiros de Burela e o portal de viaxes, que desde finais de 2020 colaboran ofrecendo paquetes conxuntos dentro da súa campaña global “Eu Como Peixe”, dirixida a tódolos ámbitos de poboación, promocionando o consumo de peixe como base duns hábitos de vida saudable e facendo chegar a pescada de Burela moito máis alá das costas galegas.

Esta acción conta coa colaboración de Armadores de Burela e está enmarcada no Plan de Produción e Comercialización de OPP Lugo, cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Exit mobile version