Site icon Crónica3.com A Mariña

Eliminado un punto de vertido de augas residuais domésticas ao río Valiñadares ao seu paso por Mondoñedo

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2021. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade eliminou un punto de vertido de augas residuais domésticas ao río Valiñadares, pertencente á bacía do río Masma, no concello de Mondoñedo.

Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, localizaron este foco no marco das inspeccións rutineiras no dominio público hidráulico.

As analíticas das mostras tomadas polos técnicos de Augas de Galicia permitiron identificar a orixe do foco nas conexións irregulares de augas residuais nalgunhas vivendas do lugar de Lousada, na parroquia de Sasdónigas, que vertían cara unha rede unitaria.

O persoal da Xunta notificoulle esta situación ao Concello de Mondoñedo, iniciándose un seguimento do punto, en colaboración cos técnicos municipais, a fin de levar a cabo actuacións orientadas a emendar o punto.

Desde o Concello, informaron posteriormente da licitación dun proxecto para acometer as augas residuais xeradas nas vivendas do lugar cara un novo colector con destino na estación depuradora de augas residuais de Sasdónigas.

Os técnicos do Plan de Control de Vertidos levaron a cabo desde entón un seguimento do punto de vertido, que incluíu varias visitas de inspección e tomas de mostra, e recentemente corroboraron nunha inspección a emenda definitiva do punto de vertido.

Exit mobile version