As “guerreiras laranxas” pasearon polo centro da cidade e polo adarve da Muralla, deténdose na zona da Mosqueira, onde se tomaron boa parte dos recursos para o audiovisual aproveitando a proxección internacional do club laranxa, recentemente recoñecido como o Mellor Equipo do Mundo de Fútbol Sala, para a promoción dun dos escenarios icónicos da cidade.
O deputado de Deportes, Efrén Castro, aproveitou a visita para desexarlles sorte de cara aos play off polo título de Liga da Primeira División Feminina de Fútbol, que disputarán do 12 ao 13 de xuño, cunha primeira eliminatoria ante o Roldán, e a posibilidade de xogar a final ante o gañador do emparellamento entre Futsi e Alcorcón.
As laranxas pelexarán pola cuarta liga de Primeira División Feminina desde o seu ascenso á elite na tempada 2009-2010 e a segunda consecutiva tras levantaren o título a tempada pasada en Málaga.
“Aínda que os títulos non paran de chegar e estades nunha xeira gañadora impresionante, somos conscientes do complicado que é manter ese nivel. Recoñecemos e valoramos enormemente o traballo que facedes, non só no deportivo, senón tamén no social, poñendo o foco no deporte feminino e servindo de referentes para moitas rapazas. Sabedes que tedes detrás a comarca da Mariña, pero estamos seguros de que tedes tamén o apoio do resto de provincia e de Galiza”, comentou Efrén Castro.
Subvencións para clubs de 1 e 2 categoría estatal
A área de Deportes ven de aprobar a convocatoria de subvencións de concorrencia non competitiva para clubs con equipos en ligas ou campionatos oficiais de 1ª e 2ª categoría absoluta estatal, cun orzamento total de 440.000 euros.
O Pescados Rubén Burela FS, con equipo masculino e feminino en Primeira División na tempada 2020-21, é, canda CV Emevé, Ensino, Peluquería Mixta Friol e Castro, unha das entidades beneficiarias desta liña de axudas que ten por finalidade o fomento e a promoción do deporte lucense no seu ámbito competitivo, e que complementa as liñas de apoio ao deporte base e afeccionado.
Na asignación das contías, valórase o número de equipos que o club ten en categorías de élite, primando aos conxuntos femininos. Teñense en conta tamén os equipos de base cos que conta a entidade, o tempo de permanencia dos primeiros equipos nas categorías estatais, a historia da entidade ou os contidos e fins sociais da súa actividade.