Site icon Crónica3.com A Mariña

Desde o 21 de maio, os menores de 21 anos poden viaxar gratis por toda a provincia e resto de Galicia no autobús da Xunta mediante a tarxeta ‘Xente Nova’

Lugo, 2 de xuño de 2021. Os deputados do Grupo Popular, Ramón Carballo e José Manuel Balseiro veñen de interesarse a través dunha iniciativa no Parlamento galego polos beneficios potenciais que para a xuventude lucense suporá a extensión da gratuidade no transporte público autonómico.

Desde o pasado 21 de maio, os menores de 21 anos poden viaxar gratis por toda a provincia e polo resto de Galicia no autobús da Xunta mediante a tarxeta ‘Xente Nova’. Un dispositivo que a xuventude poderá solicitar de balde, xa que se expide sen cargo algún en calquera das oficinas de Abanca, sen necesidade de ter unha conta asociada á entidade bancaria.

Os parlamentarios gabaron a iniciativa do Goberno galego que facilita a mobilidade dos mozos pola comunidade sempre e cando o autobús pertenza á rede de transporte público da Xunta. Agardan que a iniciativa sirva de exemplo e poda estenderse noutras liñas de transporte por autobús dependente doutras administracións, como é o caso da municipal.

Na páxina web www.bus.gal pode ampliarse a información relativa a este dispositivo e as vantaxes que leva asociadas, así como a listaxe de todas as sucursais habilitadas para a súa expedición (26 na nosa provincia) e os servizos de transporte existentes en cada concello, cos correspondentes horarios e roteiros.

O funcionamento da tarxeta é moi sinxelo
Para empezar a empregar a ‘Tarxeta Xente Nova’ fai falta cargar a tarxeta cun saldo inicial co que se abonarán as viaxes e posteriormente será reintegrado no dispositivo. A tarxeta permite realizar cada mes ata 60 viaxes interurbanas gratuítas. A súa recarga pode efectuarse nos caixeiros de Abanca ou nas oficinas habilitadas para expedila e tamén de maneira telemática mediante a banca móbil ou electrónica da citada entidade.

Os deputados sinalaron tamén que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a traballar actualmente para que os usuarios poidan levar esta tarxeta directamente no móbil e facer as recargas sen necesidade dun caixeiro.

Aforro familiar e mobilidade máis sostible e limpa
Carballo e Balseiro din que esta iniciativa do Goberno galego, enmarcada no Plan de Transporte Público de Galicia, ten como obxectivos contribuír á economía das familias e facilitar o acceso dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente a non obrigatoria (que, ata o momento, non tiña acceso a servizos de transporte gratuíto), á vez que se fomenta o uso do transporte público e, por tanto, unha mobilidade máis sostible e limpa entre os máis novos.

“Con esta iniciativa conseguimos que ese diñeiro que os mozos destinaban ao transporte poida dirixirse a outros fins, co correspondente alivio da economía familiar. Ademais, fomenta as relacións e a conexión entre as zonas máis rurais ou afastadas das urbes e as grandes cidades”, sinalaron.

Outros descontos
Para a rede de transporte público da Xunta, inclúe tamén outras alternativas beneficiosas con descontos e políticas de prezos máis económicos, con independencia da idade, de tal xeito que todos os usuarios poden ter acceso a elas. Así, existen bonos mensuais con descontos no prezo, tarifas zonais especiais, bonificacións por recorrencia ou mesmo desprazamentos gratuítos en transbordos dentro dun período de tempo establecido.

Na provincia de Lugo xa gozaban destes beneficios os concellos da contorna da cidade de Lugo integrados na área de transporte metropolitano, a través do uso da tarxeta TMG. Neste caso falamos dos autobuses interurbanos: Baleira, Lugo, Friol, Outeiro de Rei, Rábade, Guntín, Castroverde, O Corgo e Castro de Rei.

Exit mobile version