Lugo, 01 de xuño de 2021. A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará esta semana novas actividades de promoción e difusión da música e do baile tradicional na provincia. Concretamente, o vindeiro mércores 2 de xuño achegarase ata o concello de Barreiros, concretamente ao CEIP San Miguel de Reinante e o venres día 4 de xuño estará no CEIP Ricardo Gasset do Incio para impartir unhas novas xornadas de música tradicional para escolares,. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.
En San Miguel de Reinante ralizaranse dous concertos, que estarán impartidos polos mestres da Tradescola, Roberto Rodríguez, Miguel Anxo López. Alberto Núñez e Bruno Villamor.
No Incio realizarase un concerto que impartirán os mestres Jose Manuel López, Lucía Eiros e Branca Villares. Nos concertos amosaránselles aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.
Os concertos didácticos realizaranse no exterior e cumprindo todas as medidas fronte á Covid 19.
Dende a Tradescola trabállase a reo para poder transmitir os coñecementos das nosas tradicións da mellor maneira posible ás novas xeracións, para que saiban conservalos, respectalos e poñelos en valor.
Estos concertos son moi importantes para a Tradescola, xa que estes posibles novos músicos e bailadores serán os que xoguen un papel básico no futuro das nosas tradicións, da nosa música, canto e baile e como non, tamén da nosa lingua.
Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e a través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos amosar esta riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de contidos e na que todas e todos os escolares poden participar de xeito activo con preguntas e aportacións, contribuíndo e potenciando deste xeito á divulgación da cultura e a súa conservación.
A Tradescola ofrece formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente na rúa Pintor Corredoira nº 4, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.