Desde CCOO-Sanidade afirman «non entender» que as xerencias de áreas sanitarias como a de Vigo anuncien o peche de 135 camas —que se suman ás 120 xa pechadas no Hospital Meixoeiro—, 131 a da Coruña, 128 a de Lugo, 91 a de Santiago-Barbanza, 67 a de Pontevedra e 36 a de Ferrol.
CCOO esíxelle ao Sergas que manteña operativas todas camas hospitalarias no período estival, de xeito que se poda,nalgunha medida, paliar as «inxentes listaxes de espera» que padecen as galegas e galegos. Para o sindicato, os meses de verán, nos que se reduce a actividade e se prevé tamén unha mellora dos datos epidemiolóxicos, son «axeitados» para conseguir este obxectivo.
«Necesitamos todas as camas e os quirófanos funcionando de mañá e de tarde. É o momento de que a Xunta de Galicia amose o seu compromiso coa saúde pública, reforzando os cadros de persoal coa contratación de máis profesionais para atender a demanda asistencial», apuntan desde a Federación de Sanidade de CCOO.
Os datos do Sergas actualizados a decembro do 2020 —últimos dispoñibles— cifran en 35.817 doentes a listaxe de espera estrutural. Sumando a non estrutural —que a Administración non dá a coñecer—, podería superar as sesenta mil persoas.