Castiñeira sinala: “Unha das nosas mocións tiña por finalidade instar ao Goberno a desbloquear a tramitación da Gran Senda do Navia, que descorrerá por sete concellos da montaña de Lugo e por nove de Asturias, para comunicar O Cebreiro co Cantábrico. É o momento perfecto para levar adiante este proxecto, con fondos europeos para a reactivación e a resiliencia. É un proxecto capaz de dinamizar a comarca da montaña”. Os populares non entenden “por que PSOE e BNG non apoiaron esta iniciativa e se abstiveron”. O PP, nun exercicio de xenerosidade política e para buscar a unanimidade nun asunto sen máis transfondo político que a vontade de sacar adiante este proxecto, ofreceron a posibilidade ao PSOE de transformar o que na práctica era a emenda de substitución que presentou por unha emenda de engádega, opción que foi rexeitada polos socialistas. Esta moción foi defendida polo popular Jesús Manuel Núñez.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, explica: “Tamén se abstiveron socialistas e nacionalistas na moción presentada polo PP en relación coas tarifas eléctricas. Non apoiaron a demanda popular de facer cambios nas tarifas, que prexudican moito a fogares e empresas. Nunca funcionou a tarifa nocturna e vai seguir sen funcionar. Algunha das medidas anunciadas polo Goberno, como a baixada do IVE, son medidas temporais, que non afectan realmente ao tecido económico e prodúcense co único obxectivo de calmar o malestar social creado cos indultos”.