O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, anunciou que “desde a Delegación de Turismo seguimos completando as actividades que imos ter durante o verán. Como xa dixen en anteriores ocasións, entendemos que este verán vai ser turisticamente bo, que a xente quere saír, quere visitar A Mariña e nosoutros en Burela imos propoñerlles actividades para que poidan realizar aquí durante a época estival.
Nos meses de xullo e agosto, os martes na praza do Concello ás oito e media da tarde teremos unha actividade de cardio-fit. Vai ser gratuíta para quen queira practicala e imos contar cunha monitora profesional. Ademais decidimos iniciar rutas de sendeirismo polo pobo. Van ser o 17 de xullo, o 21 de agosto e o 4 de setembro. É unha actividade que tamén vai ser gratuíta e a xente vai poder apuntarse no teléfono da Casa da Xuventude, que é o 982 58 11 41”.
O edil burelés sinalou que “son actividades que veñen complementar a grande oferta turística que estamos despregando este ano no Concello de Burela, coas visitas á igrexa da Vila do Medio, ao barco museo, á nave de redeiras, as Xeorrutas e outras como pode ser a carreira popular que imos realizar durante todo o verán”.
Xuntanza cos hostaleiros
Fernández Rey contou que “hoxe tivemos unha reunión con hostaleiros. Estamos traballando para facer algún tipo de actuacións musicais, de monologuistas ou de magos, algunha actividade de entretemento nos locais de hostalería de Burela. A reunión saíu bastante ben. Estamos mirando de facer algunha actividade que non poida causar ningún tipo de molestia á veciñanza. Os hostaleiros entenden perfectamente que estas actividades non poden xerar ningún tipo de controversia e menos estando o Concello de por medio. Quedamos emprazados para unha nova reunión para ir especificando un pouco máis as horas nas que se poderían facer esas actividades e a maneira de facelas. Penso que é un apoio importantísimo o que está facendo o Concello de Burela brindando esta posibilidade aos hostaleiros. Esperemos que as aproveitemos, que saibamos traballalas ben e que non causen, sobre todo, molestias ao resto da veciñanza, porque evidentemente temos que compaxinar o tempo de ocio co tempo de descanso”.
O concelleiro de Turismo cre que “o Concello de Burela está a realizar unha aposta moi potente para facer actividades durante todo o verán e que Burela sexa un sitio atractivo para vir pasar esa época de descanso. Penso que o balance ten que ser moi positivo deste verán e estamos moi esperanzados en que o número de visitas a Burela sexa moi importante neste 2021”.