A Fonsagrada, 6 de xuño de 2021. “A Fonsagrada é un claro exemplo de como a esquerda se une só para non deixar gobernar ao PP, pero logo non son capaces de dar estabilidade gobernamental ás institucións”. A presidenta provincial, Elena Candia, analizou así nunha reunión de traballo cos populares locais a situación política deste municipio, que aínda non dispón, precisamente, de orzamentos polo desentendemento entre socialistas e nacionalistas.
O PSOE fonsagradino foi apoiado polo BNG nas pasadas eleccións municipais, malia ser o Partido Popular a forza máis votada. Esta circunstancia é a que provoca que o goberno local estea en minoría e é o desencadeante das varias desavenencias entre as dúas forzas de esquerda para aprobar proxectos que impulsen este concello e redunden na dotación de novos servizos para os veciños.
“O BNG sempre actúa do mesmo xeito, vémolo na Fonsagrada, vémolo na Deputación e tamén o vimos co apoio dado a Pedro Sánchez que, como resulta evidente, non serviu para nada, pois os problemas da nosa provincia que dependen do Estado continúan sen resolverse ou incluso van a peor”. Citou, a dirixente dos populares a modo exemplo, a crítica situación de Alcoa, a falta de apoio ás infraestruturas ou a posta en marcha de medidas tan prexudiciais para a Montaña como son a protección do lobo ou o real decreto aprobado polo Goberno sobre a PAC.
Esta falta de entendemento para as contas provoca tamén un desleixo e unha falta de xestión por parte do equipo de goberno. Proba delo, engadiu o voceiro, José Regueiro, é que “debemos ser dos poucos Concellos que non sacaron nin unha soa axuda para axudar a paliar a crise da covid-19 aos autónomos”.
Obxectivo do PP: os veciños
Elena Candia puxo en valor o traballo do grupo municipal, baseado en propostas en positivo para suplir a ineficacia dos socialistas, aínda que á hora de telas en conta sexan sempre rexeitadas “por un interese partidista”. Neste senso, a presidenta animou ao voceiro e aos compañeiros “a seguir traballando e a seguir dando a batalla, xa que, “fronte aos personalismos do PSOE e do BNG, o PP só se debe aos veciños”. “Este é o noso obxectivo e folla de ruta. Estou convencida de que os veciños así o perciben”, concluíu.
A dirixente dos populares na provincia proseguiu deste xeito a intensa axenda de reunións que está a levar a cabo coas distintas agrupacións e entidades socioeconómicas da provincia, co fin de pulsar as necesidades coas que contan e sentar as bases “dun verdadeiro proxecto que satisfaga aos lucenses”.