Burela, 30 de xuño de 2021. O Concello de Burela asinou un convenio de colaboración con AFundación de ABanca para acoller a exposición fotográfica Os nosos océanos, que estará na praza do Concello do 2 ao 18 de xullo.
O alcalde burelés, Alfredo LLano, explicou que “asinamos un convenio de colaboración con AFundación da Obra Social de ABanca para unha actividade cultural que creo que é moi interesante e ademais ten moito que ver co noso concello, que é unha exposición de fotos do mar extraordinarias e moi singulares, que leva o título de Os nosos océanos”.
O rexedor pensa que “é unha boa oportunidade de poder apreciar esta obra que é moi estimada e está indo por toda Galicia. Vai estar instalada na praza do Concello do 2 ata o 18 de xullo. Imos inaugurar esta mostra ese día 2, ás doce e media do mediodía. Invitamos a todo o mundo a que se achegue para poder asistir a ese acto e a presenciar a gran vistosidade que ten esta exposición”.
Alfredo Llano subliñou que “o Concello de Burela agradece esa colaboración da Obra Social de ABanca, que tamén colabora noutros eventos como Expomar. Cremos que é bo todo o que teña que ver coa cultura e coa nosa actividade. Xa se sabe que Burela ten moita relación co mar, polo tanto consideramos que é moi oportuno que esta exposición estea aquí. Ademais é unha boa oportunidade para visitala e visitar o noso concello eses días”.