Barreiros, 9 de Xuño de 2021. Germán Arteta e Manu Gómez, director e coordinador da Fundación Celta respectivamente, a alcaldesa Ana Ermida e o concelleiro de deporte Daniel García presentaron esta mañá o primeiro campus de fútbol da Fundación Celta de Vigo que se celebrará do 2 ao 6 de Agosto nos campos de fútbol do Cascabeiro e As Valgas.
O campus está dirixido para crianzas de 4 a 16 anos do municipio ou de fóra del. A cota de participación é de 132€ e 127€ no caso da segunda ou sucesivos irmáns. Para as nenas e nenos empadroados en Barreiros a data 01/01/2021, o custo será de 100€ en calquera caso, aportando o Concello a diferencia de matrícula con respecto á cantidade xeral marcada pola organización.
Segundo Dani García “o campus pretende ser a actividade futbolística de base referente en toda a Mariña no mes de agosto e está aberta a crianzas das distintas localidades ou visitantes que se atopen nesas datas na zona”.
A alcaldesa manifestou “a importancia de contar con actividades deportivas de base no municipio que axuden á educación saudable das nenas e nenos e nos valores que se deben transmitir na práctica deportiva, polo que agradece a aposta dun equipo referencia no noso País por celebrar en Barreiros un dos seus campus”.
Desde o Concello agradecen a colaboración dos dous equipos de fútbol do municipio, Celta Barreiros e Iberia, que colaboran co evento coa cesión das instalación para dito campus e agardan que esta actividade sexa o inicio da colaboración entre distintas entidades para poñer en valor o deporte de base en Barreiros.
Dende hoxe xa están abertas as inscricións na web www.rccelta.es