Lugo, a 7 de xuño de 2021. O deputado do Grupo Popular do Parlamento de Galicia, José Manuel Balseiro Orol, interesarase en dita cámara polas medidas da Xunta para favorecer a empregabilidade na xente moza. Así se reflicte nas preguntas presentadas para a súa resposta oral na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego.
Concretamente, o deputado lucense, ademais da cuestión indicada, tamén demandará información sobre se o Goberno galego dispón de medidas especiais de fomento do emprego no sector feminino e a cantos beneficiarios se prevé chegar coa súa posta en marcha ao longo de 2021.
José Manuel Balseiro manifesta que a administración autonómica, ao igual que todas as institucións públicas ao abeiro das súas competencias, “debe sumar esforzos” para ofrecer aos grupos de idade máis novos e aos colectivos máis vulnerables oportunidades de formación e de acceso ao mercado laboral “con garantías e de calidade”.
Neste escenario, e cos efectos que deixa a covid-19, resulta “aínda máis prioritario” o desenvolvemento e a implicación dos distintos gobernos á hora de artellar medidas encamiñadas a reducir o desemprego e a inactividade laboral dos mozos e mozas da comunidade, apostando con elo, engade o deputado mariñao, “polas capacidades e o talento”. Con esta fin, os Grupo Parlamentario PP plantexará esta cuestión na Comisión 5º, pois “as actuacións da Xunta de Galicia deben estar orientadas a mellorar a ocupación da mocidade, á creación de novas oportunidades laborais de calidade e de futuro no noso territorio”, remarca Balseiro.