Cervo, 11 de Xuño de 2021. O Concello de Cervo traballa estes días no acondicionamento dos distintos areais municipais de cara á inminente chegada da tempada estival.
A tenente de alcalde, Dolores García Caramés, e a edil de Medio Ambiente, supervisaron os traballos que se están a realizar durante estas semanas –algúns deles xa rematados- como o acondicionamento e o asfaltado dos accesos á Praia de Rueta, tal e como constataron este mesmo mediodía, na súa visita á zona.
Ademais, tal e como explicaron, tamén se instalou unha pasarela de madeira na Praia do Torno, para facilitar o acceso daquelas persoas con mobilidade reducida ao tempo que se adecuou a caseta que custodia todo o material de salvamento para uso dos socorristas que velarán pola seguridade dos bañistas neste areal, que volveu recibir a bandeira azul, que será recollerá polo edil de Turismo, David Rodríguez, a vindeira semana no acto oficial de entrega destes galardóns que premian a calidade e os servizos que ofrecen os areais.
Nestes días tamén se está a reforzar o número de papeleiras nos accesos ás praias e se están a instalar diferentes paneis que recollen información sobre a calidade das augas dos areais –todas aptas para o baño- así como diferentes recomendacións a ter en conta no momento do baño, e ante a situación sanitaria que vivimos.
Caramés e Méndez animaron a toda a veciñanza e tamén ás persoas visitantes a que gocen destes espazos ao aire libre cos que temos o privilexio de contar en Cervo “sempre con responsabilidade, cumprindo a normativa sanitaria actual, e respectando o medio e a contorna”.